A Mosquera da Muralla tínguese de cor violeta para visualizar a repulsa contra a violencia de xénero

O Partido Popular que promoveu, ata a media noite, este encendido simbólico no monumento máis emblemático de Lugo, busca sensibilizar á sociedade sobre a necesidade de unir esforzos para previr e atender ás vítimas que sofren agresións a mans das súas parellas

57d063bbb9d5ca4279c37677011b5b2a.jpeg

PP de Lugo | 2017-11-25

LUGO, 25 de novembro de 2017.- O Presidente local do Partido Popular, Ramón Carballo, xunto con integrantes da Comisión de Política Social e concelleiros do Grupo Popular de Lugo, concentráronse esta noite nun dos cubos máis emblemáticos da Muralla para presenciar o encendido de cor violeta da Mosquera en sinal de rexeitamento á violencia de xénero.

 

Ramón Carballo explicou que “tinguir esta torre de garda da cor morada, coa que cada 25 de novembro, se identifica a loita contra a violencia de xénero non é algo casual. Estamos nun lugar que simboliza a firmeza, seguridade e inflexibilidade dos que pensamos que hai que acabar con esta lacra intolerable”.

 

Este encendido xurde dunha iniciativa do Partido Popular que solicitou que na programación municipal deste día, en Lugo, se iluminase de púrpura este tramo da Muralla. “Queremos visibilizar un problema que consideramos grave, queremos manifestar de forma pública o noso compromiso para loitar contra este problema, estamos todos implicados na súa erradicación e só a través visibilización e a denuncia poderemos conseguir avanzar na protección das vítimas” reflexionou o Presidente do PP Local.

 

O encedido de cor violeta, entre o ocaso e a media noite, da Mosquera foi un novo acto da programación que impulsou, ao longo desta semana, o Partido Popular por mor desta xornada. Lembrar que o pasado xoves tivo lugar un foro de debate no que se deron conta das medidas de prevención e atención ás mulleres que contempla o Pacto do Estado con respecto a esta problemática.

 

No que levamos de ano 44 mulleres perderon a vida a mans das súas parellas ou exparellas; 7 menores foron asasinados e 22 quedaron orfos. Outro dato salientable é que segundo os datos do Consello Xudicial, relativos ao primeiro trimestre do ano, rexistráronse nos xulgados lucenses algo máis de 200 delitos relacionados coa violencia de xénero. Diante destas cifras o Presidente Local manifestou que “esta só é punta dun iceberg que se sepulta a vida de mulleres estamos falando dunha cuestión de estado na que debemos estar todos e todas implicados”.