Barreiro pon en valor que “as políticas do PP, dende o Goberno Central, foron e están sendo decisivas para que Lugo pechase o ano coa menor taxa de parados de Galicia”

Fuxindo “de triunfalismos”, tal e como quixo deixar claro o popular, destacou que este “crecemento positivo”, se comproba nos datos da EPA, e que sitúan a porcentaxe indicada nun 11,23%, fronte ao 13,47% de A Coruña, o 16,69% de Ourense e o 17,76% de Pontevedra

a6bfb5640ddee4120743b2a1021f8151.jpg

PP de Lugo | 2018-01-26

LUGO, 26 de xaneiro de 2018.- O voceiro do PP no Senado, José Manuel Barreiro, acompañado dos senadores, Dámaso López e Gerardo Criado; así como do deputado no Congreso, Jaime de Olano; e dos presidentes provincial e local, Elena Candia e Ramón Carballo, respectivamente; destacou este venres que “as políticas impulsadas polo Partido Popular dende o Goberno Central foron e están sendo decisivas para que Lugo pechase o ano coa menor taxa de parados de Galicia”.

 

Proba delo, e fuxindo “de triunfalismos”, tal e como quixo deixar claro o popular, destacou que este “crecemento positivo”, se comproba nos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) que vén de publicar o Instituto Nacional de Estatística (INE), e que sitúan a porcentaxe indicada nun 11,23%, fronte ao 13,47% de A Coruña, o 16,69% de Ourense e o 17,76% de Pontevedra.

 

Concretamente, o voceiro na Cámara Alta remarcou que “baixamos case a metade do paro que tivemos nos picos máis altos”. A este respecto, destacou o papel “que xogan” os Orzamentos do Estado para seguir “nesta senda positiva”, pois “son o instrumento que dá estabilidade para articular as diferentes políticas”. Por este motivo, fixo un chamamento “á responsabilidade” dos dous grupos da oposición, é dicir, ao Partido Socialista e á Cidadáns, xa que, engadiu, “non é posible facer un discurso de crecemento de emprego se logo adoptamos posicións políticas que van en contra disto. E é que, malia que o PP é o Partido que substenta o Goberno, o resto de forzas non están exentas desta reponsabilidade. Non son as contas do Partido Popular ou con Mariano Rajoy, son os Orzamentos de todos os cidadáns”, insistiu.

 

Taxa de actividade

A renglón seguido, José Manuel Barreiro destacou que a suba da taxa de actividade lucense tamén é significativa, situándose esta no 51,32% (133.500 persoas); 3,5 puntos máis que en Ourense (47,82% e 17.800 persoas) e tan só tres puntos porcentuais máis baixa que a de A Coruña (54,53% e 71.100 persoas) e 2 puntos con respecto á de Pontevedra (53,47% e 76.000 persoas).

 

Deste xeito, en termos absolutos os parados distribúense entre os 16.900 en Lugo e os 76.300 de Pontevedra; 71.100 en A Coruña e os 17.800 en Ourense. Así, a maior taxa de paro feminino dáse en Pontevedra, ao alcanzar o 18%, fronte ao 11,87% de Lugo. Pola contra, a menor taxa de actividade entre mulleres atópase en Ourense cun 43,8%, mentras que en A Coruña esta aproxímase ao 50,5%.

 

En clave autonómica e nacional

En termos autonómicos, Galicia é a sétima Comunidade na que máis se reduciu o número de desempregados en 2017. Concretamente, os galegos pechamos o ano con 182.100 parados.En canto á ocupación, o exercicio rematou cun incremento de 6.200 persoas respecto a 2016 (+0,59%), ata 1.055.800.

 

Asemade, e xa en clave nacional, o pasado ano preto de 500.00 persoas atoparon un posto de traballo; cuestión que Barreiro non atribúe “á casualidade, senón que é froito dunha serie de decisións de carácter económico ao longo dos últimos anos, e que están a contribuír a que levemos practicamente 50 meses cunha evolución positiva e a continuar liderando a creación de traballo en relación ao resto de Europa”.

 

Para rematar, o voceiro do PP, tamén reparou en que, a consecuencia desta xestión, se corrixen dúas cuestións que eran unha necesidade no país, pois non só se crea emprego, senón que este é de calidade, e tamén aumenta a ocupación feminina. Como exemplo disto, explicou que, en 2107, 360.000 persoas, é dicir, 3 de cada 4, acadaron un contrato indefinido, sendo unha gran parte titulares as mulleres.

 

Con todo, concluíu, “creo que non debemos conformarnos, pero si poñer en valor que somos o país de Europa que máis reducimos a fenda salarial, senón tamén o paro feminino. A conclusión é que temos que seguir traballando neste camiño”, afirmou.