Candia: “Hoxe a petición máis acertada é que alguén no Goberno da Deputación de Lugo asuma a súa responsabilidade e presente a dimisión porque isto é vergoñento”

O Grupo Provincial do PP asegura que os socialistas teñen aínda que explicar por qué non abren as residencias de Castroverde, Pol e Trabada cando contan con todos os permisos para a súa posta en marcha

PP de Lugo | 2018-04-06

Lugo, 6 de abril de 2018.- A voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia, asegurou hoxe tras a celebración do Pleno extraordinario convocado polo PSOE que “a petición máis acertada é que alguén neste Goberno asuma a súa responsabilidade e presente a dimisión porque isto é francamente vergoñento”. Así o demandan logo de asistir a un Pleno que convocou o PSOE e que os mesmos socialistas retiraron, unha situación que os populares consideran esperpéntica.

 

Os populares explicaron que o único argumento que teñen ambos, PSOE e BNG, é ir contra o PP e non hai que facer moita valoración, “os feitos e a realidade superan a ficción”. Un BNG roto ao que lle falta o 50% e un PSOE que tampouco vai na mesma dirección. “A institución non merece a esta xente, alguén ten que presentar a dimisión, hoxe decidíase algo que afecta a 7 millóns de euros da institución e creo que as cousas se teñen que facer con outra seriedade”, apuntou.

 

A popular indicou que o seu Grupo tende pontes de consenso, “pero os socialistas usan a institución para darse bofetadas, agora din que van aprobar o que hoxe levaban ao Pleno en Xunta de Goberno e entón para qué convoca este pleno e dan esta imaxe dantesca?”.

 

Recordou que as residencias nacen no ano 2010, polo que son 8 anos cun proxecto que todo o mundo coñece e que deu lugar a un investimento de 12 millóns de euros. Intentamos explicar o que pasa, pero non é fácil este esperpento. Somos 12 de 25 e apartáronnos do Goberno para restablecer a normalidade democrática e hai poucas Deputación en España con tantos capítulos tan desacertados e alguén ten que asumir a responsabilidade”, insistiu.

 

Desde o PP explican que o equipo de Goberno está obrigado a entenderse co resto dos grupos, e ten un Grupo coherente en fronte que nunca vai poñer paus nas rodas ante un PSOE que se desintegra e un BNG que sendo dous non se entenden. “Somos a única alternativa e fomos coherentes sempre e temos que conseguir que entre a cordura na institución, alguén ten que coller as rendas e senón que deixen o goberno”.

 

“É vergonzoso porque detrás hai moito diñeiro público, usuarios que desexan entrar, concellos que investiron moito diñeiro, como o de Trabada, residencias que foron inauguradas, persoas seleccionadas e agora pretenden facer un cambio de modelo sen xustificación e tampouco sendo consensuado. É un problema político, non xurídico. Eles votaron a Martínez como presidente de Suplusa. O PP non é responsable desta sen razón e intenta poñer alternativas para que se centren no importante. E neste momento abrir as residencias é unha necesidade acuciante. Teñen aínda que explicar por qué paralizan que abra Castroverde, Pol e Trabada con todos os permisos e todo en marcha.

 

Un modelo máis lento, más caro e que discrimina

Ao longo do pleno os populares convidaron ao equipo de Goberno a darlle unha volta á proposta “non porque non convence ao PP, senón porque non convence aos seus, nin ao BNG, que hoxe no Pleno só hai un deputado de dous”. O PP defendeu que a proposta do PSOE “nin vai ser o modelo máis rápido, é máis caro para os concellos e xera unha importante discriminación”.