Partido Popular de Lugo

Daniel Vega pon en valor que a Xunta confirme que Mondoñedo é hoxe en día un reclamo para o emprendemento local e comarcal

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 15 de marzo de 2018.- O deputado autonómico, Daniel Vega, interesouse este xoves sobre o espazo coworking creado en Mondoñedo, ao abeiro da iniciativa que a Xunta de Galicia puxo en marcha nesta localidade, en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI) para promover a formación e o asesoramento de novos emprendedores e axudar a crear novos proxectos empresariais.

 

Neste senso, no trascurso da intervención, dende o Goberno galego confirmouse que esta localidade mariñana é hoxe en día un reclamo para o emprendemento local e comarcal. Así o demostra o feito de que se presentasen neste espazo un total de 37 proxectos, impulsados por unha corentena de emprendedores.

 

Deste xeito, e unha vez analizados os datos proporcionados en comisión parlamentaria, o deputado autonómico subraia que a aceleradora mindoniense “é un bo exemplo de que no rural tamén hai oportunidades para a creación de emprego e para emprender”.

 

O proxecto contou cun financiamento do 80% a cargo do Fondo Social Europeo e dun 20% a cargo do IGAPE; Instituto que depende da administración autonómica, e que está a ser o principal impulsor desta iniciativa que tivo un importante impacto social.

 

Éxito da alcaldesa

A este respecto, Daniel Vega considera que “este éxito tamén hai que atribuílo á xestión da súa alcaldesa, quen está a facer un labor importante por dimanizar economicamente o municipio”. Proba delo, asegura, é o feito de que a entidade local veña de recibir o certificado de Concello Emprendedor, que outorgan conxuntamente a Xunta de Galicia e a FEGAMP; as xestións que está a levar a cabo con SEA para a rebaixa do custo do metro cadrado das parcelas do polígono ou a aprobación xa, no mes de novembro, da modificación de ordenanzas do IBI, IAE e ICO para ser Concello doingbusiness. A través desta última iniciativa, o Concello ofrece máis incentivos fiscais, simplificación da carga administrativa e facilidades de acceso ao solo empresarial para fomentar a creación de empresas.