Partido Popular de Lugo

Francisco Conde salienta en Alfoz que a Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) dará valor á cadea industrial da madeira da Mariña

ALFOZ, 17 de marzo de 2018.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou este sábado en Alfoz que a Axencia Galega de Industria Forestal dará valor á cadea industrial da Mariña. Así o puxo de relevo no foro organizado por Novas Xeracións deste municipio, que preside Daniel Rejes, e que estivo clausurado polas presidentas provinciais do Partido e da agrupación xuvenil, Elena Candia e Rosa Arza, respectivamente. No encontro, desenvolvido baixo o título Unha perspectiva do sector forestal noso val, tamén participaron o voceiro do PP neste municipio, Juan José Fraga, e os representantes de Hijos de Ramón SL, Aberto Souto, e de Costiña SL, Alfredo Rodríguez; dúas empresas locais moi representativas no sector e quenes deron unha visión da importante incidencia que ten o sector da madeira nesta comarca.

 

Na súa intervención, o titular de Industria explicou o apoio da administración autonómica nesta materia, salientando que este se verá incrementado a través de dita Axencia, pois segundo indicou, “as competencias da mesma comezan a partir de que a madeira entra na cadea, aportando un impulso aos grandes recursos forestais que ten Galicia en xeral, a provincia de Lugo e esta comarca -a Mariña Central-, en particular”.

 

Galicia é xa unha potencia forestal europea e ten un potencial de crecemento de case o 100%. Asemade, Lugo conta coa maior superficie forestal de Galicia (656.842 hectáreas), seguida por Ourense (575.264), A Coruña (501.586) e Pontevedra (296.988). Por iso, tanto Elena Candia como Rosa Arza, valoraron positivamente a iniciativa do Goberno galego, pois contribuirá a impulsar a xestión forestal profesional e a formación; favorecerá o investimento de capital financeiro no monte; incrementará a relación entre deseño industrial e madeira, xerando valor engadida; incorporará aos prescriptores, arquitectos, deseñadores, empresas de rehabilitación á  cadea de valor da madeira; promoverá os códigos técnicos de utilización de madeira en ámbitos como a construción, deseño de interiores, embalaxe industrial e comercial, así como a transferencia de coñecemento dos centros de innovación ao sector e os biocombustibles (especialmente biomasa), valorizando residuos de outras actividades forestais.

 

Neste senso, as primeiras decisións tomadas pola XERA para acadar eses obxectivos son, segundo remarcou Conde, establecer axudas á modernización da industria forestal e a posta en marcha dun plan de formación específico do sector.

 

“Do que se trata, indicou, é de converter este sector estratéxico en abandeirado da aposta da Xunta pola economía verde e circular”. No marco desta aposta, o conselleiro lembrou os datos proporcionados polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, no día de onte, e que proban o compromiso co sector. Concretamente, fixo referencia a que a administración autonómica tramitou nun ano a corta de 3,8 millóns de toneladas de madeira na provincia, xerando un valor na venda de máis de 100 millóns.

 

Incremento de oportunidades laborais no rural”

Logo de escoitar ao conselleiro e aos empresarios, Elena Candia, sinalou que, “como presidenta do Partido pero, sobre todo, como e, por tanto coñecedora da importancia que ten a produción da madeira para moitas familias, no podo máis que agradecer a Novas Xeracións a organización deste encontro, e que o responsable do Goberno de Galicia na materia nos traslade directamente a veciños e a empresarios este conxunto de medidas que, estou convencida, contribuirán a valorizar os montes e, o que é máis importante, suporán un incremento das oportunidades laborais no rural”, remarcou.

 

Con esta iniciativa, a agrupación xuvenil, tal e como subliñou Rosa Arza, continúa achegándose aos principais axentes socioeconómicos da provincia para coñecer o seu funcionamento, recoller as súas propostas e sumalos no seu proxecto. Precisamente, no día de onte, realizaron unha visita á fábrica de produtos cárnicos Torre de Núñez. En días pasados tamén organizaron un foro semellante en Triacastela sobre o Camiño e iniciarion unha rolda de contactos coas empresas da Ribeira Sacra.

 

Por último, indicar que ao acto asistiron tamén o presidente autonómico de Novas Xeracións, Adrián Pardo; o deputado no Parlamento galego, Daniel Vega e o do Congreso, Jaime de Olano, así como o senador Fernando Carlos Rodríguez xunto a outros presidentes locais da formación xuvenil, é o caso dos de Lugo, Sarria e Triacastela.