Partido Popular de Lugo

O Goberno local do Courel propón mañá ao Pleno a aprobación dunha serie de medidas dirixidas a combater o despoboamento no municipio

Folgoso do Courel, 23 de febreiro de 2017.- O Grupo Municipal do PP no Concello de Folgoso do Courel leva mañá a pleno unha proposta que aglutina unha serie de iniciativas dirixidas a combater o despoboamento que sofre o municipio. Este programa inclúe varias liñas de actuacións enfocadas a acadar varios obxectivos: evitar que os veciños abandonen o Concello, fomentar a natalidade e converter o municipio nun lugar que atraia xente moza para residir.

 

A alcaldesa de Folgoso do Courel, Lola Castro, explica que un dos principais problemas “que está a padecer o noso municipio é o do despoboamento, os nacementos redúcense e cada vez son máis os mozos que deciden abandonar o noso concello”. “As administracións públicas temos a responsabilidade de levar a cabo iniciativas que permitan ou polo menos axuden a reverter esta situación e dende o Concello do Folgoso do Courel levaremos mañá a pleno unha proposta de Goberno neste senso”, precisa.

 

Liñas de axudas a entes educativos e ás familias

A proposta do Goberno do Folgoso do Courel inclúe a aprobación dunha serie de subvencións nominativas incluídas nos orzamentos de 2017. Por un lado, unha axuda nominativa ao CPI Uxío Novoneyra para actividades complementarias e extraescolares, cunha partida de 500 euros. Por outro lado, outra subvención nominativa para a Asociación de Pais e Nais de Alumnos, por importe de 2.500 euros, para actividades durante 2017.

 

Ademais, o Concello de Folgoso do Courel concederá outras axudas en concorrencia para a apoio a natalidade e para a adquisición de libros de texto e material escolar destinados ao alumnado de Educación Infantil. As partidas aprobadas para estas finalidades serán de 2.500 euros para apoio á natalidade e de 1.500 para a adquisición de libros de textos; susceptibles ambas de ampliación.

 

Bonificacións no Imposto sobre Bens Inmobles

A proposta do Goberno popular local tamén inclúe a modificación da Ordenanza Fiscal Reguladora do Imposto sobre Bens Inmobles para introducir as seguintes bonificacións:

  • Bonificación de ata o 95% da cota íntegra do imposto a favor de inmobles nos que se desenvolvan actividades económicas que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico artísticas ou de fomento do emprego que xustifiquen tal declaración.

  • Bonificación de ata o 90% da cota íntegra do imposto a favor de aqueles suxeitos que ostenten a condición de titulares de familia numerosa.

  • Bonificación do 95% na cota íntegra do Imposto a favor de inmobles nos que se desenvolvan total e exclusivamente actividades agrarias ou gandeiras que sexan declaradas de interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico artísticas ou de fomento do emprego que xustifiquen tal declaración.

 

Fomentar o asentamento de empresas

O Grupo Municipal do Partido Popular do Folgoso do Courel tamén inclúe na súa proposta de Goberno o acordo de proceder a revisar as ordenanzas existentes no Concello para introducir as modificacións permitidas pola normativa vixente co obxectivo de fomentar a creación de novas empresas e o asentamento da poboación.

 

Un Goberno implicado co fomento da natalidade

O Goberno local de Folgoso do Courel que dirixe Lola Castro está firmemente comprometido co fomento da natalidade no concello. Así, ademais de levar a pleno esta proposta para acadar o asentamento da poboación, dende o executivo municipal promoveron ou iniciarán outras series de actuacións que teñen por finalidade reverter a situación de envellecemento poboacional que se está a dar na localidade.

 

Así, a rexedora lembra a apertura e posta en marcha da casa niño e anuncia a promoción do colexio que levarán a cabo en colaboración cos mestres, ademais iniciarán coa Xunta de Galicia os trámites para entrar no programa de vivendas baleiras que promove o Goberno galego, para crear bolsas de vivendas en inmobles deshabitados.