O Grupo do PP censura que o Goberno provincial estea a sacar peito polo pagamento do custo dos GES cando “están obrigados por un acordo plenario”

Os populares na Deputación lembran que existe un acordo do Pleno que obriga ao executivo socialista a asumir a porcentaxe do custo dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais que antes afrontaba os concellos

PP de Lugo | 2017-05-09

Lugo, 9 de maio de 2017.- O Grupo Provincial do PP na Deputación de Lugo censura a actitude do equipo de Goberno da administración provincial ante o feito de que a institución lucense asumirá a porcentaxe do custo dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais que ata o de agora pagaban os Concellos. En concreto, os populares consideran que o Goberno socialista non pode sacar peito polo pago dos custos do GES xa que “están obrigados a facelo por un acordo plenario”.

 

Dende o Grupo Provincial do Partido Popular lembran que foi a pleno en decembro de 2015 unha iniciativa, a proposta do deputado non adscrito, e que saíu adiante por unanimidade, a través da que se obriga ao Goberno da Deputación de Lugo a sufragar o 40% dos gastos dos GES durante tres anos.É dicir, o organismo provincial farase cargo tamén do 20% do custo municipal, polo que deberá achegar un total do 40% dos gastos do servizo.

 

Polo tanto, os populares defenden que “non é razoable a actitude de orgullo que están a evidenciar os socialistas, xa que só se están a limitar a cumprir cun acordo plenario, que deben respectar e que, porén, na meirande parte das ocasións desoen”, reproban os populares.

 

Por último, o Grupo do PP na Deputación tamén aclara e agradece que é a Xunta de Galicia quen está a cubrir o 60% dos gastos que supoñen os GES. “É dicir, o Goberno galego de Núñez Feijóo pon para o mantemento destes Grupos, 6 de cada dez euros”, matizan dende o PP, “o que fai posible a continuidade tan necesaria tanto do servizo como dos seus postos de traballo”.