Partido Popular de Lugo

O Grupo Provincial do PP denuncia que a Deputación bloquea a inscrición de Suplusa no RUEPSS, o que impide a apertura das residencias

Lugo, 22 de marzo de 2017.- O Grupo Provincial do PP denuncia que o presidente da Deputación, o socialista Darío Campos, bloqueou onte a inscrición de Suplusa no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), o que impide a apertura das residencias de maiores da nosa provincia.

 

O PP pediu onte no Consello de Administración da Sociedade Urbanística Provincial de Lugo, Suplusa, que se inicien os trámites para a súa inscrición, como o paso previo e necesario para permitir a apertura das residencias rematadas. Deste xeito, a residencia de Castroverde, a máis avanzada para a súa apertura xa podería abrir as súas portas.

 

Carta aos alcaldes

A voceira do PP, Elena Candia, considera esta decisión do equipo de Goberno “inaudita e inexplicable”, polo que avanza que o Grupo Provincial do PP enviará unha carta informativa a todos os alcaldes da provincia, con independencia da súa cor política, para relatarlles cómo o PSOE está a impedir “coas súas artimañas” a posta en marcha destes centros, pese que moitos deles están case listos para entrar en funcionamento.

 

Desde o PP fan un chamamento a todos os alcaldes para que reclamen que o presidente da Deputación cambie a súa postura e inclúa a Suplusa no rexistro para non seguir poñendo atrancos á apertura dos centros.

 

67 traballadores á espera

O Grupo Provincial do PP asegura que esta decisión do equipo de Goberno da Deputación de Lugo non só prexudica aos concellos nos que se teñen construído as residencias, senón ás 67 persoas seleccionadas no ano 2015 para traballar nestes centros.

 

“Tiveron moita présa para seleccionalos porque estaban ás portas dunhas seleccións e agora esquecéronse de que seguen á espera do seu traballo, dous anos despois”, remarca Candia.

 

Desde o Grupo Provincial do Partido Popular lamentan que desde o ano 2010, no que se aprobou a encomenda de xestión das residencias por parte da Deputación de Lugo, o PSOE non fose capaz de crear unha soa praza pública nin articular un modelo de xestión adecuado para os centros de maiores. “O único que lles preocupou foi a utilización política dos nosos maiores e non a creación de prazas nin a posta en funcionamento dos centros”, conclúen.