Partido Popular de Lugo

O populares de Navia e Cervantes esixen o arranxo inmediato da estrada provincial LU-P-3505 que comunica os dous Concellos da Montaña

Xoves, 27 de abril de 2017.- O populares de Navia e de Cervantes esixen o arranxo inmediato da estrada de titularidade da Deputación de Lugo LU-P-3505, que comunica os dous municipios, en concreto, descorre de Navia, por Silvouta e Vilaquinte a Donís. Lamentan que tras a visita do responsable de Vías e Obras da Deputación á localidade non se fixera ningún anuncio con respecto a esta actuación, a pesar de ser tan necesaria.

 

Esta vía de comunicación, segundo precisan dende os respectivos Grupos Municipais do Partido Popular, presenta un estado deplorable, con importantes fochancas, circunstancia que dificulta a circulación ademais de supoñer un importante risco para os seus usuarios.

 

Ante esta situación, os voceiros de Navia e Cervantes, Jesús Fernández e Javier Santín, respectivamente, rexistrarán cadanseu escrito dirixidos aos alcaldes das dúas localidades nos que lles piden que con urxencia adopten as xestións oportunas coa Deputación de Lugo, administración responsable da estrada, para que esta inicie as actuacións que permitan mellorar as condicións nas que se atopa esta infraestrutura viaria.

 

Os voceiros dos populares locais denuncian que o estado desta vía é “claramente deficiente e intransitable” e, concretamente, inciden, a estrada presenta un estado deplorable ao seu paso por Vilaquinte, Corneantes, Castelo de Donís e Moreira; ao tempo que precisan que as principais fochancas se atopan no quilómetro 20-21.

 

Unha vía esencial para os turistas

Os populares indican, a maiores, que a importancia do arranxo desta estrada tamén radica en que se trata dunha das vías de comunicación máis empregadas polos turistas que se achegan ata ao Piornedo, un dos principais puntos de interese turístico da Montaña.

 

De igual xeito, os voceiros de ambas as localidades esixen á Deputación provincial e aos dous Concellos que as actuacións que se acometan “non sexan puntuais e só durante o verán ou cando están próximas unas eleccións”. “Estamos ante unha necesidade real dos veciños e veciñas que deben atender e darlle a resposta necesaria”, subliñan.

 

Cervantes, menos dun 20% de vías con aglomerado en quente

En concreto, no caso de Cervantes dos 138 quilómetros de vías de titularidade provincial menos do 20% delas teñen aglomerado en quente, situación que os populares denuncian e que consideran “un agravio comparativo” con respecto a outras localidades. Só actúan antes das eleccións, de dous en dous quilómetros e non atendendo ás necesidades reais da rede viaria que supoñen as principais arterias dun Concello con alta dispersión poboacional e xa de por si, de difícil acceso.

 

No caso concreto de Navia, as estradas do Concello “están en moi mal estado”, precisa Jesús Fernández. O popular explica que noutras ocasións “as infraestruturas viarias municipais eran arranxadas con cargo a un convenio subscrito entre o Goberno local e a Deputación. Na actualidade, hai aldeas ás que o acceso é case imposible”, lamenta.