O PP agradece o apoio do Pleno para garantir que as residencias seguen adiante e se atenden as demandas dos traballadores seleccionados e dos futuros usuarios

Os populares lamentan que os desencontros entre os membros do PSOE sementen dúbidas sobre a posta en funcionamento dos centros e a súa xestión, polo que pediron un pronunciamento claro da Corporación

180ce078df55bcb4741dffcc9f431f63.jpg

PP de Lugo | 2018-01-30

Lugo, 30 de xaneiro de 2018.- O Grupo Provincial do PP agradece o apoio do Pleno para garantir que as residencias van seguir o seu proceso de apertura e se atenden as demandas dos traballadores seleccionados e dos futuros usuarios. Os populares presentaron unha moción na que demandaban que a Deputación de Lugo que fixe de maneira urxente os prezos por praza dos centros de atención á terceira idade acordes co fin do servizo social que prestan -baseados nos pertinentes informes técnicos- de cara a avanzar na súa pronta apertura.

 

A voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia, asegurou que o seu Grupo presentou esta moción ante as dúbidas que están a xurdir en relación coa xestión destes centros. Tanto é así, explicou, que para algún deles pediron o PIA a través de Suplusa e tamén a través da Deputación de Lugo, o que xera certas sospeitas sobre a xestión que os socialistas prevén de cara o futuro das residencias.

 

Candia sostivo que no momento no que nos atopamos, con parte dos centros rematados, o normal sería que a Deputación tivera xa un borrador dos prezos públicos para ese servizo como así ten acordado cos concellos cos que se asinou convenios para poñer en marcha residencias. “Xa existen informes técnicos e saben que é un requisito para a súa posta en marcha, polo que deberamos telo xa”, precisou. Engadiu ademais que no último consello de administración de Suplusa celebrado en Castroverde non quedou claro o custo por praza nin o futuro. “Botamos en falta a claridade na explicación como cando había que botarlle a culpa á Xunta”.

 

Tras os avatares polos que houbo que pasar para chegar a apertura dos centros, a voceira do PP considera que o primeiro pleno do ano é un bo momento para manifestar as intencións do Goberno, aclarar que esas aperturas van ser reais e se vai seguir adiante coa pasos establecidos nos convenios asinados cos concellos, como a creación dun órgano para impulsar os obxectivos marcados nos mesmos.

 

A voceira lamentou que, polo de agora, as prazas sexas só para persoas que se valen por si mesmas e non para persoas dependentes, tendo en conta os datos sobre o envellecemento da poboación na provincia. “É inexplicable que quen precise da praza non saiba canto custa estar nesas residencia ou nese centro de día, por iso teñen que aclaralo canto antes”, apuntou.

 

Desde o PP lamenta que a provincia teña que seguir sufrindo os desencontros entre os membros do PSOE. “Antes Suplusa era confiable; agora é un ente no que non se confía e á marxe diso nós temos a obriga de dicirlle á xente canto custa a praza, quen vai xestionar e o persoal ten que saber o que vai cobrar, se é media xornada ou se pode ir a outra; ten dereito a ter esa información.

 

“Ten que ser un recursos sostible porque hai moitos millóns investidos e moita ilusión e sensibilidade posta por moita xente, sobre todo esas persoas que pasaron un proceso de selección e que tiveron que recorrer a unha plataforma para ter información. Solo lle pido o mesmo empeño que empregaron para criticar a reforma laboral do PP”, remarcou. Así, o PP solicitaba ademais na súa moción que se convoque a unha reunión ás persoas seleccionadas para traballar nos centros de maiores e que se abra unha inscrición de usuarios interesados.

 

Un compromiso que vén do ano 2010

Os populares recordan que o Pleno da Deputación Provincial de Lugo aprobou por unanimidade en sesión ordinaria de 26 de outubro de 2010 a construción e xestión de distintos centros de atención á terceira idade na provincia de Lugo, así como a encomenda deste proxecto á Sociedade Urbanística Provincial de Lugo S.A.

 

Nas cláusulas dos convenios para a construción e xestión destes centros entre a Deputación Provincial de Lugo e os diferentes concellos establecese, por un lado, que a Deputación Provincial de Lugo se compromete a fixar uns prezos por praza acordes co fin do servizo social que presta baseados nos pertinentes informes técnicos e, por outro lado, que a Deputación de Lugo e o concello pertinente se comprometen á creación dun órgano responsable de impulsar a consecución dos obxectivos que se marcan nos convenios asinados entre ambas as partes.