O PP de Láncara insta ao Concello a establecer unha axuda de 500 euros por neno nado a partires de xaneiro

Será a través da moción que veñen de rexistrar e que someterán a debate no Pleno que a Corporación celebrará este xoves

PP de Lugo | 2017-11-28

LÁNCARA, 28 de novembro de 2017.- O PP de Láncara insta ao Concello a establecer unha axuda de 500 euros por neno nado a partires de xaneiro de 2018. Será a través da moción que veñen de rexistrar e que someterán a debate no Pleno que a Corporación celebrará este xoves.

Os populares levan este asunto á sesión plenaria debido a que o despoboamento no rural é cada vez máis acusado. Proba delo, explican na proposta, é que os nacementos en Láncara nos últimos anos veñen sendo unha ducia ao ano (15 en 2016 e 10 en 2017), mentras que os falecementos son uns 30-50 anuais.

Por este motivo, consideran que, “independentemente das axudas que poidan vir doutras administracións, o Concello pode e debe establecer medidas que apoien ás unidades familiares e axuden a fixar poboación”.

Máis medidas

Esta petición non é unha cuestión illada nas demandas deste grupo municipal. Concretamente, indica o voceiro, Santiago Cubillas, “dende o PP xa fixemos propostas neste senso en Plenos anteriores, tales como a rebaixa do IBI para explotacións gandeiras e para familias numerosas. Non debemos esquecer que o sector económico principal deste municipio é o agrogandeiro, e apostando pola súa rendibilidade, estamos loitando contra o despoboamento”, conclúe.

 

Outros asuntos

Os populares, ademais deste asunto, tamén se interesarán polo estado dalgúns accesos a parroquias e polas previsións do Goberno local para inventariar os puntos de luz pública existentes no municipio con deficiencias no funcionamento. A este respecto, tamén demandarán á entidade local que solicite á empresa encargada do subministro o cumprimento do contrato asinado coa entidade local para a prestación desta servizo.