O PP de Láncara insta ao Concello a que se faga responsable das instalacións deportivas do colexio fóra do horario lectivo

Os populares consideran que, dado que a dirección do centro educativo adoptou a decisión de non abrir o centro máis horas que as establecidas na actividade docente, a entidade local está en plena disposición de asumir este cometido

PP de Lugo | 2018-05-09

09, maio, 2018. O PP de Láncara insta ao Concello a que incie os trámites con Educación para facerse responsable das instalacións deportivas do colexio fóra do horario lectivo, co fin de que os rapaces poidan seguir empregando estas dependencias como ata o de agora o viñan facendo.

Os populares consideran que, dado que a dirección do centro educativo adoptou a decisión de non abrir o centro máis horas que as establecidas na actividade docente, a entidade local está en plena disposición de asumir este cometido. E é que o novo servizo non suporía ningún custo para as arcas municipais, pois xa conta cun seguro de responsabilidade civil que podería cubrir percances que se puidesen ocasionar, e, ademais, existe persoal municipal que podría asumir o mantemento e limpeza destas instalacións.

O voceiro do PP local, Santiago Cubillas, sinala que sería unha boa oportunidade para que fomentar o deporte e os hábitos de vida saúdables, pois, se a entidade local se fai cargo, os rapaces poderían facer uso destas instalacións tamén as fins de semana e durante o período de vacacións.

“Dende logo que o Concello asuma isto non sería un problema, xa que o risco de deterioro sería mínimo. Ademais, o Concello ten persoal suficiente. Se se limpa o campo da feira ou as rúas, tamén podería asumir o mantemento e limpeza das instalacións deportivas”, sinala Cubillas.