Partido Popular de Lugo

O PP de Lourenzá alerta de que o Goberno local “minte descaradamente” con respecto ao colexio Juan Rey

LOURENZÁ, 1 de decembro de 2017.- O PP de Lourenzá alerta de que o Goberno local “minte descaradamente” con respecto á situación do CEIP Juan Rey. Os populares saen así ao paso das alarmantes declaracións realizadas en días pasados polos dirixentes do Concello, e fano unha vez realizado un estudo rigoroso e técnico das aseveracións formuladas, pois, indican, “nós a diferenza doutros, consensuamos e cotexamos a información, xa que isto é o mínimo que merecen os nosos veciños”.

 

O Grupo Municipal do Partido Popular reproba así “o excesivo atrevemento dos gobernantes que temos no noso Concello, concretamente, do tenente alcalde, que exerce de alcalde na sombra”, pois, en primeiro lugar, o ascensor do que falan xa está solucionado, “grazas a que hai tres anos se fixo a rebaixa necesaria no terreo para evitar as filtracións de auga; cuestión que el sabe ben porque era mestre no centro ata hai uns meses” , indican.

 

Con respecto ás deficiencias que os socialistas din que teñen os radiadores, o PP desvela, no marco do estudo realizado, que en 2016 se colocaron uns a petición do propio centro educativo, sendo o mantemento dos mesmos unha competencia exclusivamente municipal. Por iso, lamentan “a desfachatez do Goberno”, pois esta foi arranxada coa purga dos mesmos; uns traballos que forman parte dese mantemento que debería de ter realizado o Concello, pero que, “sen embargo non fixo, actuando así de xeito claramente irresponsable”, destacan.

 

Sobre a instalación eléctrica, os populares queren aclarar ao equipo de Goberno, logo de consultar a unidade técnica da delegación territorial da Xunta, que esta pasou a revisión OCA, realizada por unha empresa externa en 2014, sen detectarse ningunha deficiencia e non tocándolle a seguinte ata 2019.

 

Asemade, polo que respecta ao peche do colexio, cabe destacar que este conta con máis de 40 anos, polo que malamente pode ser hermético e, por tanto, as fugas ata poden ser normais, debido a antigüidade do mesmo. Con todo, e en aras de acadar unha solución, dende o PP indican que xa lle trasladaron ao departamento correspondente da administración autonómica as necesidades de cambio do peche do centro para futuras actuacións; “unha responsabilidade, remarcan, que lle correspondería ao Concello, pero que tampouco fixo”.

 

Subvención denegada

En canto á subvención denegada, os populares lamentan que dende o PSOE “sigan a rutina de dicir só medias verdades”, pois son axudas que se conceden en concorrencia competitiva, e que son baremadas por técnicos, non por políticos.

 

A este respecto, precisan que estas axudas non se conceden a concellos a do PP, senón que se outorgan a aqueles proxectos que acadan a mellor puntuación dentro dos baremos preestablecidos na convocatoria das mesmas. Por este motivo, préganlle “á alcaldesa e ao alcalde na sombra que se deixen de confabular e de alarmar aos cidadáns e que se poñan a súa traballar, xa que esta e outra máis das subvencións perdidas por a súa mala xestión”. “Este Goberno estalle a saír moi caro aos veciños de Lourenzá”, conclúen.