Partido Popular de Lugo

O PP de O Saviñao renovará a súa dirección con Carlos Armesto como único candidato

O SAVIÑAO, 20 de xullo de 2017.- O Partido Popular de O Saviñao renovará este sábado a súa dirección no congreso que se celebrará, a partires das 21:00 horas, no coñecido restaurante desta localidade Praia da Cova, e que estará presidido pola presidenta provincial, Elena Candia.

 

A este proceso, concorre o tamén secretario xeral da agrupación provincial, Carlos Armesto, como único candidato. Deste xeito, Armesto, que someterá á votación da afiliación a súa candidatura no transcurso do encontro, asumirá o liderado do PP local, substituíndo no cargo a Joaquín González González.

 

Nova responsabilidade para Armesto

O novo presidente asume así unha nova responsabilidade dentro da súa traxectoria política e a dirección da agrupación local. Na actualidade, ademais de secretario xeral do PP provincial e deputado na institución luguesa, tamén é tenente alcalde deste municipio dende 1.991 ata a actualidade. Ademais da súa ampla traxectoria na actividade municipal, destaca por ser unha persoa moi vinculada con esta formación política, pois é afiliado da mesma dende 1.990.

 

Renovando o Partido

Con este congreso, a dirección provincial continúa a reforzar o Partido por toda a provincia. Deste xeito, O Saviñao súmase a outros celebrados recentemente, e que corresponden ás agrupacións de Cervo, Ourol, Xermade, Lugo, Cervantes e A Pastoriza e que lideran Alfonso Villares, Carlos Ríos, Antonio Riveira, Ramón Carballo, Javier Santín e Luis Cabado, respectivamente.