Partido Popular de Lugo

O PP lamenta que a desconfianza entre o presidente e o vicepresidente da Deputación leve a Campos a intentar tomar Suplusa pola forza

Lugo, 9 de marzo de 2018.- O Grupo Provincial do PP lamenta que a desconfianza que existe entre o presidente e o vicepresidente da Deputación, os dous do PSOE, levaran hoxe a Darío Campos a intentar tomar Suplusa pola forza, para quitarlle competencias sobre as residencias, pese a que a sociedade ten a encomenda de xestión desde o ano 2010.

Desde o PP critican que a deriva que ten tomado o Goberno socialista provoque, unha vez máis, un novo retraso na apertura das residencias da Deputación, en concreto das instalacións de Castroverde, pese a que hai máis de dous meses que conta co permiso de inicio de actividade (PIA) que outorga a Xunta.

Segundo informan os medios de comunicación Darío Campos propúxolle hoxe á Xunta de Goberno declarar a perda de condición de medio propio de Suplusa respecto da Deputación Provincial de Lugo para a prestación de servizos sociais, o que supón, segundo entenden os populares “intentar tomar Suplusa pola forza” e baleirala de competencias.

Desculpas aos traballadores

Exíxenlle a Campos que lles pida desculpas aos funcionarios de ambas as institucións aos que non está respectando, pese o labor que teñen desenvolvido ao longo de todos estes anos.

Os populares amosan a súa sorpresa ante a actuación de Darío Campos, cando onte mesmo non apoiaba a proposta do seu vicepresidente -e presidente de Suplusa- para ceder os terreos da residencia da Castroverde á Deputación. “Onte non quere que a Deputación asuma os terreos de Castroverde e hoxe quítalle todas as competencias das residencias a Suplusa para darllas á Deputación”, explican.

Dubida da súa propia xestión

Consideran tamén rechamante e froito da cerrazón política de Campos que el mesmo aluda a irregularidades na xestión de Suplusa, cando se refire a decisións que se tomaron pola unanimidade do Consello de Administración, do que el forma parte, polo que implicaría que se está a denunciar a si mesmo e poñendo en dúbida a súa propia xestión.

Os desencontros que manteñen os socialistas poñen en risco “unha vez máis” a apertura dos centros na provincia, o que os populares consideran “unha irresponsabilidade”. “Lamentamos que pretendan polos seus intereses persoais e políticos burlarse dos cidadáns de Lugo ao seguir paralizando a apertura das residencias a través deste tipo de decisións”, engaden desde o PP.

Así, a entrada en funcionamento da residencia de Castroverde volve quedar no aire, pese a contar con todos os permisos e a estar lista para a súa apertura. Os populares veñen advertindo desta situación desde hai tempo, polo que censuran que os veciños e veciñas de Lugo teñan que pagar os desaguisados dun Goberno provincial en descomposición no que non se fían uns de outros pese a ser do mesmo partido.

A falta de entendemento dentro do Grupo Provincial Socialista, que segue a ser evidente, vai manter paralizado o uso dunhas instalacións que custaron máis de 10 millóns de euros de fondos provinciais.