Partido Popular de Lugo

O PP pídelle á Deputación que se sume ao compromiso da Xunta e cumpra co acordo plenario de instalar desfibriladores en toda a provincia

Lugo, 16 de febreiro de 2018.- O Grupo Provincial do PP pídelle ao Goberno socialista da Deputación de Lugo que dea cumprimento ao acordo aprobado en Pleno do mes de xullo de 2016 a través do que se lle solicita á Deputación que axude aos municipios da provincia de menos de vinte mil habitantes na adquisición de desfibriladores para a súa instalación nos espazos de maior afluencia de veciños e veciñas. Os populares vén necesario que o Goberno socialista se sume ao compromiso e ás actuacións do Goberno galego dirixidas a mellorar as respostas en situacións de emerxencias.

 

En concreto, dende o Grupo Popular lembran que os populares sacaron adiante no Pleno de xullo de 2016, é dicir fai máis de ano e medio, unha moción para a posta en marcha dun programa de cooperación cos concellos para a instalación de desfibriladores en toda a provincia, pese ao voto en contra do equipo de Goberno. A proposta do PP demandaba que se inclúa no plan que a axuda da Deputación consista no 100% do prezo do desfibrilador, procurando ademais a formación específica para o seu correcto manexo por persoal capacitado.

 

Deste xeito, os populares estaban a darlle curso a unha demanda dos concellos e da poboación co fin de que os concellos lucenses poidan contar cos mellores equipos de resposta ante unha emerxencia. Dende o Grupo do PP lamentan que a día de hoxe a Deputación provincial de Lugo desoíse un novo acordo plenario cuxo obxectivo busca a implicación e a colaboración da administración lucense nun eido “tan importante como é o de garantir o benestar cidadá”.

 

A Xunta entrega 47 desfibriladores para 40 concellos

Neste senso, os populares lembran que a Xunta de Galicia vén de facer entrega dun total de 157 desfibriladores destinados aos corpos de bombeiros comarcais, GES e Protección Civil, que permitirán reforzar a resposta ante posibles emerxencias que poidan ocorrer en calquera punto da comunidade. En concreto, a Xunta entregou 47 desfibriladores a 40 concellos e aos seis parques de bombeiros da provincia. Cada municipio recibiu un desfibrilador, agás Vilalba que recibiu un para a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil e outro para o servizo municipal de Protección Civil.

 

Ante esta situación, dende o Grupo Popular consideran de “importancia” a cooperación e colaboración da Deputación de Lugo, polo que reiteran a petición de sumar nuns ámbitos como como son o sanitario e o das emerxencias e que, ao igual que o Goberno galego, a Deputación lucense se implique para que todos os concellos conten cos equipos necesarios e con persoal formado para dar resposta a este tipo de emerxencias tendo en conta a importancia de dispoñer deste tipo de aparellos en espazos públicos ao convertérense en elementos fundamentais para salvar vidas.