O PP promoveu o investimento de máis de 3 millóns de euros nas estradas provinciais dos Concellos de Mariña

13ddf2dd3e76ee6b3663a4942cba7ae7.jpeg

| 2018-01-04

O Partido Popular promove que a Deputación de Lugo invista máis de 3 millóns de euros nas estradas provinciais dos 16 concellos que conforman a comarca da Mariña. Así o puxo de manifesto a presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, quen mantivo esta tarde unha reunión no salón de actos do Cenima de Foz con alcaldes, concelleiros e membros das executivas locais desta zona.

Elena Candia fixo balance dos orzamentos da Deputación de Lugo para o vindeiro ano, sobre os que precisou que o Grupo Popular se abstivo na votación das contas por cumprir o acordo de mínimos iniciado no ano 2016 e esixido polo PP e a través do que se asenta as bases para que a administración provincial cumpra coa súa competencia e dea atención a todos os concellos da provincia; ao tempo que reproban a pouca dispoñibilidade do Goberno de Darío Campos para darlle cumprimento nos orzamentos a acordos aprobados en sesión plenaria e que dan resposta as demandas dos veciños e veciñas da provincia.

A presidenta provincial puxo en valor a aprobación do Plan de Rehabilitación de Firmes de Vías Provinciais, acordado en pleno por iniciativa do Grupo Popular.  “É un paso cara adiante que permite que se realice un investimento superior aos tres millóns de euros nas vías provinciais da Mariña, atendendo a criterios obxectivos”. Deste xeito, engadiu a popular, “estamos a asentar unha pedra importante para erradicar o ensañamento político que se estaba a dar dende a Deputación contra as estradas que transcorrían polos concellos non afíns ao PSOE”.

Plan Único

Elena Candia tamén precisa que nos orzamentos de 2018 se mantén o compromiso de aprobar un novo Plan Único de Colaboración dos Concellos, ao igual que se fixo no ano 2017, activado pola negociación do PP, froito do convencemento de que supoñería unha panca de cambio para garantir un reparto equilibrado dos fondos públicos entre todos os concellos, guiándose polos principios de obxectividade no reparto do diñeiro e poñendo fin ao desequilibrio imposto cos Gobernos socialista e nacionalista.

No ano 2017, aprobáronse 20 millóns de euros repartidos entre os 67 concellos lucenses, dotándoos de contías históricas en áreas como emprego, axuda no fogar, cultura e deporte ou turismo, entre outras. A súa aprobación posibilitou que concellos da Mariña incrementasen o que recibían, ata sumar entre os 16 máis de 4,6 millóns de euros.

En concreto, no ano 2018 os créditos iniciais para este Plan Único 2018 son de 11,3 millóns previstos nas consignacións do orzamento (no exercicio anterior eran 10 millóns) e serán ampliados mediante modificacións orzamentarias. Os criterios obxectivos de reparto serán aprobados polo Pleno e terán en conta os aplicados no ano 2017 e unha vez proposto o destino concreto polos Concellos da Provincia, o Pleno da Deputación, igual que no ano 2017, debe aprobalos coas modificacións orzamentarias correspondentes.

Comprometidos cos veciños

Polo tanto o PP na Deputación, amósase comprometido cos veciños e estes plans “achegan valor engadido ás obras e servizos tradicionais coa incorporación das demandas dos veciños, trasladadas polos seus alcaldes, posto que son eles os que, no exercicio da súa autonomía, definen onde se invisten os fondos”.

De igual xeito, este compromiso do PP tamén logrou dar cumprimento a demandas fundamentais como é o a do SAF, así no orzamento de 2018 mantén a dotación do Servizo de Axuda no Fogar en 1.500.000 euros, incluído no Plan Único de Cooperación cos Concellos, para igualar como mínimo a achega do ano 2016. Do mesmo modo, a xestión popular permitiu desatascar a situación na que se atopaban as residencias de maiores, cuxa posta en funcionamento é unha das maiores demandas do PP.

Goberno da Xunta

Na reunión tamén deron conta do investimento que a Xunta de Galicia destinará a esta comarca en 2018, á que dirixe máis de 11 millóns de euros. O Executivo de Feijóo reforza, en primeiro lugar, os servizos sanitarios, a través da consignación de preto de 7 millóns de euros (5,9 son para o Plan Director do Hospital da Costa e máis de 1 millón para actuacións de eficiencia enerxética neste centro); en segundo lugar, o mantemento das infraestruturas viarias e, finalmente, a mellora de servizos básicos para os cidadáns.

Así, na reunión fíxose fincapé en investimentos como os 2,2 millóns de euros para a VAP da Costa Norte (Viveiro e Xove), ademais de 840.000 euros para o acondicionamento da LU-124 en Lindín-Cruz da Cancela-Riotorto; ao que sumaron outras partidas relevantes como son 1 millón de euros para as EDARes de Foz, Viveiro e Burela, entres outras actuacións.