O PP valora positivamente as novas feitas públicas sobre a intermodal e asume o compromiso cos lucenses de seren unha garantía para que estas sexan unha realidade

| 2018-01-09

O Partido Popular valora positivamente as novas feitas públicas sobre a intermodal e asume o compromicos cos lucenses de seren unha garantía para que estas sexan unha realidade. Os populares fan esta valoración logo da reunión mantida no día de onte polos representantes de ADIF coa alcaldesa de Lugo, e na que se confirmou o que o propio Partido adiantara hai días, así como do anuncio emitido pola Xunta de Galicia sobre o remate do estudo técnico da propia estación.

A este respecto, poñen en valor que todas as novidades e avances que se coñecen sobre a intermodal e as melloras proxectadas en servizos e conexións por tren na provincia veñen da man dos Gobernos do PP. “Quedou claro que calquera actuación nesta materia ten un axente claro, e chámase o Partido Popular”. Os populares insisten nesta circunstancia, pois “nin o secretario provincial do PSOE cando foi a Madrid escoitar unha intervención parlamentaria, nin a alcaldesa trouxeron noticias novas ou que non se coñecesen de antemán”.

O PP, a mellor garantía

Dada esta circunstancia, consideran que a mellor garantía para que estes proxectos e melloras vaian adiante é que sigan impulsadas por gobernos populares, ao tempo que manifestan, unha vez máis, a vontade desta formación política para seguir traballando na mesma senda, facendo un seguemento dos compromisos e mantendo as reivindicacións para a mellora dos servizos ferroviarios lucenses.

“Incoherencia de Santos”

Tendo en conta o suceder dos feitos, que demostran que o Partido Popular si que ten unha intención decidida por garantir a intermodalidade, os populares censuran “a incoherencia de Álvaro Santos, pois, mentres dicía que os proxectos de mellora ferroviaria estaban mortos, a realidade e os propios actos e compromisos que lle foron ratificados á alcaldesa, ao que hai que engadir os anuncios da Xunta e Fomento, demostran que non é así”.