Partido Popular de Lugo

Un 62,5% de lucenses maiores de 65 anos recibiron a vacina contra a gripe nesta campaña, o que supón un aumento de 3 puntos con respecto ao ano anterior

LUGO, 15 de febreiro de 2018.- A presidenta provincial, Elena Candia, clausurou este xoves a conferencia “Por que as vacinas son boas”, impartida polo doutor Carlos Quintas, e organizada pola Comisión de Sanidade que dirixe a deputada autonómica e concelleira do Concello de Lugo, Encarna Amigo, co fin de poñer en valor os múltiples beneficios que supón para a cidadanía a aplicación destas inxeccións.

 

Concretamente, no transcurso do encontro, tanto o conferenciante como a propia responsable da Comisión organizadora, explicaron que, nesta campaña, se mellorou na provincia, con respecto ao ano pasado, a taxa de vacinación contra a gripe, destacando un aumento da aceptación da mesma tamén no colectivo sanitario. Tal é así que, un 62,5% dos cidadáns maiores de 65 anos recibiron esta inoculación; o que supón un incremento de 3 puntos porcentuais con respecto ao ano anterior.

 

Polo que respecta á poboación en xeral, uns 70.000 lucenses se vacinaron contra a gripe. E isto foi posible grazas a que o Servizo Galego de Saúde adquiriu un total 560.000 doses para toda Galicia; é dicir, 30.000 máis que na campaña do ano pasado. Estas aplicáronse nos 900 puntos de vacinación repartidos por toda a xeografía galega.

 

O doutor Quintas deu a coñecer estes datos, co obxectivo de que o asistentes tomasen conciencia da importancia que supoñen e supuxeron as vacinas para humanidade. E é que, dende que se descobriron, as súa aplicación foi decisiva na erradicación de enfermidades como o sarampelo; patoloxía que afectaba fundamentalmente á poboación infantil, e que podía ser causa de morte.

 

Por tanto, o xefe do Servizo de Medicina Preventiva do Hospital Lucus Augusti concluíu sobre as propiedades destes fármacos que “é algo sobre o que non debería de haber dúbidas”, pois, en materia de saúde pública, hai dous hitos que marcaron un antes e un despois, e que tiveron un gran impacto na salubridade das persoas. Este foron: primeiro, a potabilización da auga e, segundo, as vacinas.

 

Breve historia

A este respecto, Encarna Amigo puntualizou que, dende a antigüidade, estase en permanente busca da maneira de ser máis resistentes ás infeccións. Proba delo, apuntou, é que “temos informacións de que en China e na India xa usaban a variolización, ou inoculación da viruela; unha técnica coa que se buscaba a preservación da enfermidade, e que se administraba antes da invención da vacina polo británico Edward Jenner, en 1796”. Posteriormente, aumentouse nesta investigación, co descobrimento da vacina da rabia, en 1880.

 

E dicir, “as vacinas constitúen unha das medidas sanitarias que maior beneficio produciron e seguen producindo na humanidade. Grazas a elas, puidemos combater enfermidades que producían grandes pandemias, que deixaban importantes secuelas ou incluso causaban a morte. Creo, por tanto, que todos debemos facer unha profunda reflexión sobre este asunto e descartar as opinións dalgún político que cuestiona un beneficio tan serio e importante coma este, co único fin de crear alarma e confusión social”, remarcou a popular. E é que, segundo explicou o especialista, máis do 50% das hospitalizacións rexistradas pola gripe este ano foron porque os doentes non estaban vacinados.

 

Achegando o Partido aos lucenses

O PP da provincia de Lugo, con este encontro, deu un paso máis no obxectivo de achegar o Partido á cidadanía e de coñecer as principais fortalezas e debilidades tanto dos distintos axentes sociais e económicos, como dos sectores que operan na sociedade. Tal é así que a responsable da Comisión de Sanidade, agradecendo o traballo do resto de integrantes da mesma, advertiu que xa están a traballar para levar a cabo novas iniciativas.