Admitida a trámite a reclamación presentada polo PP á Valedora do Pobo polo Plan de Impulso da Economía da Provincia de Lugo, da Deputación

91b4a7f516c16d63d799af9896f6104d.jpg

PP de Lugo | 2021-05-04

O PP acaba de recibir a confirmación de que a Valedora do Pobo acepta a trámite a queixa que presentou en relación co Plan de Impulso da Economía da Provincia de Lugo. O goberno provincial dispón de quince días para remitir á Valedora toda a documentación sobre este plan. O portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, sinala: “No  Grupo Popular estamos satisfeitos por terse admitido a trámite pola Valedora do Pobo a reclamación que fixemos sobre o Plan de Impulso da Economía da Provincia de Lugo, un plan do que no PP dicimos que é un plan pantasma, engordado con accións que xa existían, que son previas incluso á pandemia provocada pola covid-19, e que consideramos que é única e exclusivamente propaganda, sen axudas directas  a todos aqueles que o necesiten”.

 

Castiñeira explica: “O PP no seu día pediu o expediente deste plan e, segundo resposta do goberno da Deputación, no existe ese expediente, non hai máis que declaracións de intencións, accións políticas. E isto parécenos moi grave. Por un lado, porque estamos dando falsas informacións  ao tecido económico lucense, que o está a pasar mal; por outra parte,  estase gastando en propaganda o que se debería dedicar ás propias accións de impulso da economía, o cal é o un mal uso do diñeiro público; se sempre hai que esixir unha boa xestión, máis aínda en época de crise. Non se pode enganar a aqueles que o están a pasar mal”.

 

Segundo sinala o portavoz popular, “en 15 días, o goberno da Deputación debe remitir á Valedora do Pobo a documentación que non foi capaz de darlle ao PP de Lugo e debe xustificar que eses  sete millóns de euros recaen  directamente en axudas á reactivación”. Engade: “Esperemos estar equivocados, pero é certo que, ata agora, coa documentación que nos facilitou o goberno da Deputación, entendemos que este é máis un plan de propaganda e autobombo que de reactivación da economía lucense”.