Partido Popular de Lugo

Barreiro: “A única garantía de que Lugo teña unha nova Comisaría de Policía é a Xunta de Galicia”

17 de decembro, 2018. O portavoz adxunto do Grupo Popular no Senado, Xosé Manuel Barreiro, asegura que “a única garantía de que Lugo conte cunha nova Comisaría de Policía é a Xunta de Galicia”. Así o demostra o feito de que “o Goberno galego xa comezou a demolición do edificio do antigo hospital Xeral cun orzamento de 3,2 millóns de euros de fondos propios a pesar de que esta actuación non lle correspondería; senón que lle correspondería ao Goberno central. Pero, o certo é que se seguimos agardando, este proxecto non se faría. É a Xunta a que permite a súa axilización”, matiza Barreiro.

 

Así o manifestou nunha rolda de prensa, acompañado dos senadores do PP pola provincia, onde criticou “a escusa de mal pagador do Goberno socialista” en relación á pregunta que os populares realizan no Senado sobre a súa disposición a manter o compromiso do anterior Goberno Popular. É que os socialistas alegan que “primeiro hai que resolver a dispoñibilidade do solar e que as xestións administrativas se encontran na fase de retrocesión pola Xunta de Galicia á Tesorería General de la Seguridad Social”.

 

Deste xeito, para os populares “queda claro que o Goberno socialista non se entera ou non ten coñecemento de que o edificio do vello hospital xa se está demoler para poñer os seus terreos a disposición do Ministerio. E isto resulta curioso cando o Goberno do Concello de Lugo é da mesma cor política; pero incluso votaron en contra dunha iniciativa dos populares locais a favor do impulso deste proxecto para a cidade”, apunta Barreiro.

 

Os populares lucenses no Senado aclaran que “esixiremos a través dunha moción o mantemento do compromiso con esta obra e que, ademais, sexa construída nos terreos do antigo hospital. Pero tamén esixiremos que o Goberno avance nos trámites coa Tesorería General da Seguridade Social para proceder á súa licitación unha vez rematen os traballos impulsados xa pola Xunta de Galicia”, apunta Barreiro.

 

 

Autovía A-56

Outro dos proxectos para a provincia sobre os que o Grupo Popular no Senado ten preguntado ao Goberno de Pedro Sánchez é o relacionado coa construción da autovía A-56 que comunique Lugo con Ourense a través de Chantada e A Barrela. A este respecto, tal e como indica Barreiro, “o Goberno, a pesar de manifestar ante os medios o seu compromiso con esta obra, non nos respondeu nada. Só di que están en execución. Polo tanto, non sabemos o que fixo o Goberno coas dotacións que o anterior Executivo popular deixou consignadas nos orzamentos para este 2018 e que ascenden a 10,7 millóns de euros no tramo San Martiño-Enlace de Barrela e outros 2,5 na variante norte de Ourense”, engade.

 

Nese sentido, os populares amosan a súa preocupación ante a paralización destas obras porque “se estiveran a facer algo poderían explicar que parte do orzamento levan executado”.  Polo tanto, Barreiro avanza que “ímoslle esixir ao Goberno de Pedro Sánchez o mesmo que ao de Mariano Rajoy en relación ao impulso desta autovía. De feito, así llelo trasladamos aos anteriores cargos do Ministerio de Fomento despois de manter fai uns meses en Chantada unha reunión cos representantes dos Concellos das provincias de Lugo e de Ourense e mesmo empresarios de ambas provincias”.

 

 

Reto demográfico

Barreiro tamén fixo fincapé en dúas propostas do Grupo Popular no Senado relacionadas co reto demográfico “e que lle afectan especialmente á nosa provincia”. Na aposta dos populares por dotar de servizos ao núcleos rurais para fomentar o asentamento da poboación, o Grupo Popular no Senado ven de aprobar no Pleno da pasada semana unha moción instando ao Goberno socialista a reimplantar o Plan 300 x 100 co que dotar de acceso á internet a tódolos núcleos de poboación a unha velocidade de 300 Mbit/s.

 

Por outra banda, xa de cara a esta semana, os populares presentarán ante o Pleno do Senado unha moción para esixirlle ao Goberno socialista en relación ás negociacións ante a nova PAC que “canto menos, manteña a postura de España ante estas achegas de importante peso  para o rural galego e que permitan garantir o nivel de renda dos agricultores e gandeiros lucenses”. Barreiro recordou que “o Goberno Popular conseguira aumentar nun 30% as achegas con respecto á anterior negociación do PSOE”.