Castiñeira avisa ao goberno da Deputación de que “terá enfronte ao PP” se intenta romper os convenios establecidos por Suplusa para crear solo industrial na provincia

53edfa4fc1042feed992288a7c005c71.jpg

PP de Lugo | 2020-10-13

O PP ve na Deputación sinais que teme que anuncien que o goberno provincial quere renunciar aos compromisos adquiridos por Suplusa, sociedade agora en liquidación, en materia de creación de solo industrial na provincia. Á vista desta situación, en palabras do seu portavoz, Javier Castiñeira, “o grupo provincial do PP esixe maior compromiso ao goberno da Deputación para executar o proxecto de solo industrial comprometido con concellos da provincia, porque tememos que o  bipartito queira aproveitar a disolución de Suplusa para extinguir moitos convenios para a creación de parques industriais, que están en diferentes fases de tramitación”.

 

Castiñeira sinala: “A sensación que temos no PP, despois de escoitar no pasado pleno o rexeitamento do goberno provincial a asumir a totalidade  das obrigas adquiridas por Suplusa, é que pretende cargarse parte do solo industrial proxectado na provincia de Lugo, e con elo liberar carga orzamentaria comprometida dende hai tempo”. O portavoz provincial do PP recorda “que a cargo de Suplusa hai solo comprado, pendente de planeamentos municipais ou de permisos sectoriais”. Explica: “Hai millóns de euros  investidos na compra de  parcelas, que deben ser transformadas en parques empresariais; os concellos  necesitan que a Deputación prosiga co traballo iniciado por Suplusa”. Considera que “sería unha verdadeira traizón que a Deputación non asumira os compromisos firmados no seu día por Suplusa”.

 

O portavoz popular tamén declara: “Somos conscientes de que o proceso de eliminación da sociedade urbanística provincial que promoveu o bipartito non vai ser sinxelo, e por elo quixemos participar na comisión liquidadora, pero apreciamos desde o principio que ao goberno interésalle ben pouco cumprir co pactado”. Aclara: “Así sucede cos traballadores, cos que aínda non resolveu a súa situación laboral,  e así o vemos na falta de compromiso tanto para levar adiante as residencias para maiores que están pactadas e co solo industrial, que nos preocupa moitísimo”.

 

Castiñeira avisa “ao goberno de que non imos aceptar medias tintas  neste proceso; a Deputación debe  asumir a totalidade dos compromisos de Suplusa e se non é así terá enfronte ao Partido Popular”.