Castiñeira: “É incrible que o goberno da Deputación vote no pleno contra os intereses da Mariña e da comarca de Monforte”

9d7d6c50cd2aca049319cf73a9c9fd4a.jpg

PP de Lugo | 2020-07-28

Nunha clara demostración de como entende o goberno da Deputación (PSOE-BNG) a súa obriga de apoiar o desenvolvemento da provincia, esta mañá, no pleno celebrado pola corporación provincial, socialistas e nacionalistas votaron en contra das propostas do PP para aplicar un plan de reactivación da Mariña e para esixir a reposición dos servizos suprimidos por Renfe en Monforte. O portavoz popular, Javier Castiñeira, considera incrible a postura adoptada polo goberno provincial, presidido polo socialista José Tomé, e lembra que a misión da Deputación e defender os intereses da provincia de Lugo.

 

Castiñeira sinala: “Chámanos poderosa e desagradablemente a atención que  dende o goberno da Deputación de Lugo se vote en contra dos intereses  tanto da Mariña como de Monforte. Das dúas mocións que defendeu neste pleno o PP, unha era para tratar de  facer un plan de activación da Mariña lucense, tanto turisticamente como de mellora da imaxe  da comarca, votada en contra polos dous grupos de goberno (PSOE e BNG), o que nos resulta especialmente estraño, porque a defensa dos intereses da provincia, é realmente a función da Deputación”.

 

Por outro lado, o portavoz popular di que “é incrible que o presidente da Deputación, e alcalde de Monforte, José Tomé, non apoie reivindicacións contra a perda de servizos ferroviarios por parte da comunidade monfortina, de toda a Ribeira Sacra e, en xeral, da provincia. Parécenos incrible;  pérdense 22 servizos, dos 29 que se perden en Galicia, e cremos que é unha falta de compromiso absoluto con toda a provincia e en concreto co seu concello”.

 

A moción popular para aplicar desde a Deputación un plan de reactivación da Mariña foi defendida por Xesús Novo. Lembrou que alcaldes socialistas e nacionalistas, pouco antes das pasadas eleccións, chegaron a pedir que se aprazaran porque, dicían, non se daban condicións para que fora sanitariamente seguro ir a votar. Tal manifestación repercutiu gravemente na imaxe da Mariña. Para recuperar e promocionar esta comarca lucense, que ten no turismo unha parte fundamental dos seus ingresos, é necesario que a Deputación impulse un plan de reactivación. Por un lado, en canto a imaxe como destino seguro, e, por outro, con obras e servizos que precisa, como mellora de estradas incluíndo o desbroce. Recordou que no seu municipio, O Vicedo, a Deputación non desbrozou as pistas da súa titularidade que conducen as praias. Novo, aludindo á citada declaración de alcaldes socialistas e nacionalistas, instou ao goberno provincial: “Reparen o dano que causaron”.

 

A defensa da moción para recuperar os servizos ferroviarios en Monforte correu a cargo de Dolores Castro. Destacou que os servizos de ferrocarril en Lugo son cada día máis precarios e que a supresión de 22 servizos que afectan a Monforte terá unha incidencia moi negativa en toda a comarca, na Ribeira Sacra e no conxunto da provincia. Lanzou esta pregunta a socialistas e nacionalistas: “Están dispostos a deixar pasar isto?” A resposta dérona os deputados do PSOE e do BNG votando en contra da moción popular.