O catamarán rescatado do Miño podrece varado nun prado da Deputación en Begonte, xunto con restos de distintas obras

92e2aa992c775bfa8a337b515e5f397a.jpg

PP de Lugo | 2020-01-10

É feísmo un barco en estado de ruína varado nun prado? O deputado provincial Óscar Poy (PP) pensa que si, que a chatarra e os restos de construción e obras non deben estar depositados en calquera lado. O catamarán Pelegrín I, afundido no Miño en Lugo, na noite do 19 ao 20 de decembro do ano pasado, acabou, como era previsible, nun prado da Deputación en Begonte e non nunha das naves do organismo provincial nesta localidade, como se anunciara. Acabou varado nun prado, o aire libre e á vista de quen pasa polas inmediacións. Hai que recordar que o barco non pasa pola porta dunha das naves da Deputación de Begonte e que a outra está tan chea que non hai sitio para o que queda do Pelegrín I.

Óscar Poy sinala: «Despois da singular aventura que foi para a Deputación formalizar un contrato que resultara eficaz para sacar o barco do fondo do Miño e trasladalo ás dependencias da Deputación en Begonte, despois do custo que tivo, resulta que agora está acabando de podrecer nun prado. Despois do abandono ao que estivo sometido o barco no río, que propiciou que afundira, agora é unha especie de monumento, instalado nunha leira, á desidia na xestión dos asuntos públicos por parte do bigoberno provincial, presidido polo socialista José Tomé».

O mesmo deputado provincial destaca que «no mesmo prado hai acumulado material procedente de obras executadas, polo que se intúe en distintos sitios, de maneira que o prado parece un vertedoiro; non é a mellor imaxe que pode dar a Deputación e a responsabilidade é de quen a goberna».

Os populares queren saber canto tempo pensa ter o bigoberno da Deputación ese barco varado nun prado. É, di Poy, unha imaxe moi triste do concepto en que socialistas e independentistas teñen a institución que dirixen. Cre que esa mesma imaxe ilustra con claridade que poden esperar os lucenses de José Tomé e do equipo co que goberna na Deputación.

Por último, Poy pregúntase se a deputación xa encargou algún estudo ou informe sobre a viabilidade de reparar o barco ou se finalmente acabará podrecendo totalmente no prado no que está depositado.