Partido Popular de Lugo

Daniel Vega destaca as melloras que realiza a Xunta no porto ribadense que alcanzaron no último ano un investimento de preto de medio millón de euros

O voceiro do grupo municipal popular de Ribadeo, Daniel Vega, destaca as últimas actuacións do goberno galego, a través de Portos de Galicia, que permitiron mellorar as infraestruturas portuarias de Ribadeo e que supuxeron un investimento, no último ano, de preto de medio millón de euros.

 

Concretamente, “a Xunta renova o sistema de protección de amarre do porto pesqueiro ribadense a través da substitución dun total de 10 defensas por outras novas que habilitan 7 zonas de atraque”. Así mesmo, “a intervención supón a recuperación de 6 defensas das zonas menos empregadas para o atraque coma a rampla e o martelo interior do pantalán”.

 

A Xunta tamén mellora o porto de Mirasol eliminando a escaleira de fábrica existente e instalando unha nova de aceiro inoxidable para garantir a seguridade nas operacións de subministro de gasoil.

 

Estas dúas actuacións contaron cun investimento de preto de 50.000 euros aos que hai que sumar outros preto de 15.000 euros dirixidos a actualizar o sistema de pesaxe da báscula do peirao comercial.

 

Dragado do porto

Outra das actuacións máis recentes de Portos de Galicia en Ribadeo foi o dragado das canles de acceso ao porto comercial de Mirasol e na entrada da bocana da dársena náutica de Ribadeo co obxectivo de incrementar o calado e a operatividade de ambas instalacións. A esta finalidade, a Xunta dirixiu máis de 430.000 euros.

 

Máis de 11 millóns de euros nos últimos 11 anos para o porto de Ribadeo

Vega destaca que “as actuacións de mellora que o goberno galego, a través de Portos de Galicia, desenvolveu no porto de Ribadeo nos últimos 11 anos que supuxeron un investimento de máis de 10’5 millóns de euros aos que hai que engadir máis de medio millón de euros máis neste período dirixidos a tarefas de mantemento”.