Daniel Vega presenta unha serie de medidas para conter o coronavirus e paliar os seus efectos sociais e económicos en Ribadeo

55f328b1f672225c93772b1610008537.jpg

PP de Lugo | 2020-03-23

O voceiro do Grupo Municipal do PP de Ribadeo rexistra unha serie de medidas para conter o coronavirus e paliar os seus efectos sociais e económicos en Ribadeo; xa sexa a través da prestación de servizos sociais aos veciños e veciñas ou a través da implantación doutras accións no ámbito económico.

 

A este respecto, Daniel Vega considera necesaria a creación dunha comisión de seguimento da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 en Ribadeo integrada por todos os grupos políticos que teñen representación no pleno da corporación municipal.

 

Así mesmo, os populares propoñen a supresión do cobro por asistencia a plenos e comisións, por consenso de todos os grupos, durante o tempo que se considere para empregar estes fondos nas medidas que se adopten.

 

Política fiscal, pago a provedores, axudas ao tecido empresarial e servizos sociais

 

O Grupo Municipal Popular vén de rexistrar telematicamente no Concello algunhas propostas para adoptar medidas dende a administración local despois de que o seu portavoz, Daniel Vega, trasladara as súas suxestións aos voceiros dos Grupos Municipais da Corporación ribadense. As medidas propostas divídense en catro bloques: política fiscal, pago a provedores, axudas ao tecido empresarial e servizos sociais.

 

En relación ao primeiro bloque os populares ribadenses propoñen a exención ou supresión temporal daqueles impostos que recada o Concello para aquelas pequenas empresas ou autónomos que non poden desenvolver a súa actividade durante o período no que se prolongue a situación excepcional provocada polo estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. Trátase do IAE, IBI, o imposto sobre o lixo, a auga, as terrazas e a ocupación da vía pública ou a taxa para a venda ambulante.

 

Por outra banda, dende este Grupo Municipal cren “moi necesario” levar a cabo un plan urxente de pago a provedores. “A área económica do Concello debe tomar a decisión de aboar todas as facturas pendentes para reducir o efecto económico deste tempo de parálise”, sinala Vega.

 

Dentro das competencias municipais, tamén propoñen “activar algún tipo de axudas directas ao tecido empresarial, de xeito especial a comercio, autónomos e PEMES”. E, no ámbito dos servizos sociais, “priorizar a inversión nas persoas máis vulnerables, derivando fondos económicos desde outras partidas, se é preciso”.