Deputados, senadores e a dirección provincial propoñen corrixir o agravio do Goberno con Lugo, incrementando os Orzamentos de 2021 en máis de 44 millóns

5e91912517807ba5bae7660fcd07a8bf.jpg

PP de Lugo | 2020-11-19

Os deputados no Congreso -Jaime De Olano e Joaquín García Díez-, os senadores por Lugo -José Manuel Barreiro, Rosa Arza e Manuel Varela- e a presidenta provincial –Elena Candia-, propoñen corrixir o agravio do Goberno á provincia, incrementando os Orzamentos para Lugo en máis de 44 millóns de euros.

 

Os populares agardan así que o Executivo teña en consideración as emendas presentadas, xa que, sinalan, “están en xogo infraestruturas básicas para o desenvolvemento do noso territorio”. “Son actuacións prometidas e asumidas nos últimos anos e que en 2021 sofren un retroceso importante, deixando así patente a falta de compromiso do Goberno cos lucenses”, advirten.

 

E é que para os representantes de Lugo nas Cámaras Alta e Baixa e a dirección provincial son uns Orzamentos que “frean o futuro socioeconómico da provincia”. “Non nos serven e por isto presentamos partidas específicas para actuacións específicas e que a nosa provincia demanda e merece. Son os Orzamentos do retroceso, da ineficacia e dunha falta de peso político sen precedentes”, afirman.

 

As emendas serán debatidas parcialmente a vindeira semana no Congreso. “Esa será a proba de fogo dos socialistas e tamén dos socios nacionalistas, onde se verá claramente se este recorte obedece, como pensamos, aos pactos con Bildu e ao pago de favores a outras Comunidades para chegar á Moncloa”, manifestan.

 

Máis impostos para os lucenses

E é que, ademais, son uns Orzamentos nos que o incremento da fiscalidade repercutirá negativamente no poder adquisitivo da poboación lucense. Isto débese ao incremento en 4 céntimos no imposto do gasóleo; á suba de 2 puntos porcentuais (do 6 ao 8%) na taxa da prima de seguros; ao imposto de bebidas gaseosas, plásticos non reciclables, da Internet, etc; e tamén á rebaixa da bonificación no IRPF dos plans de pensións que pasa dos 8.000 aos 2.000 euros, é dicir 4 veces menos que ata o de agora.

 

“Non só nos recortan nas infraestruturas senón que asfixiarán ao 99% da poboación lucense, xa que quen nesta provincia non ten un seguro de vivenda ou un vehículo para desprazarse  por exemplo? Resulta, por tanto, lóxico pensar que son uns Orzamentos que só benefician a PSOE e BNG, dende logo aos lucenses e ao Partido Popular, non”, sentencian.

 

Emendas ao detalle

As contas presentadas polo Goberno do Estado para o vindeiro ano non poder máis decepcionantes para os intereses xerais de Lugo, de forma notoria no que atinxe ás previsións de investimentos para as principais infraestruturas. Deste xeito as emendas presentadas son as seguintes:

 

En infraestruturas viarias:

 

  - PRIMEIRO: a necesidade de darlle continuidade de forma decidida á autovía da Mariña lucense, a A-74. Este investimento supón a mellora de comunicacións na comarca e dar servizo a unha das maiores zonas produtoras de madeira, con portos pesqueiros de referencia, un porto de interese xeral do Estado e unha multinacional do aluminio. Por iso, resulta preciso avanzar nesta actuación que, a día de hoxe, se atopa paralizada sine die.

 

            De forma nominativa, para os treitos San Cibrao-Burela, o PP propuxo 2.599.000 euros; para o de Foz-Burela 2.859.000, para o de Foz-O Carme 700.000 euros e para o treito O Carme-Barreiros 700.000 euros.

 

            - SEGUNDO: para a N-VI, en Outeiro de Rei, propuxéronse 350.000 euros para a mellora da seguridade vial e a glorieta P.k 213, nesta localidade, un proxecto que estaba xa comprometido e en avanzado estado de tramitación e que desaparece totalmente destes Presupostos

 

            - TERCEIRO: Para o intercomunicador A-54 e N-540, en Guntín, que estaba consignado en pasados exercicios e non figuran nos presentes, 2.500.000 euros.

 

            - CUARTO: para a circunvalación de Monforte de Lemos, enlace Monforte este-Barrela, 422.290 euros; a mesma cantidade que figuraba en 2019 para impulsar a autovía A-76 entre Ourense e Ponferrada.

 

            - QUINTO: para a autovía Lugo-Ourense, proponse seguir impulsando esta infraestrutura que vehicula a provincia de Lugo dende a capital ata Ourense.

 

En materia ferroviaria vese preciso actuacións que impulsen o tráfico por ferrocarril na provincia, como as que se indican:

 

            - PRIMEIRO: incrementar a partida de renovación da liña Monforte-Lugo con 10 millóns de euros, xa que a consignación proposta para o ano 2021 está moi lonxe do custe total de dita actuación e acumula un retraso considerable dende hai anos.

 

            - SEGUNDO: inclúese unha partida de 20 millóns de euros na antes denominada electrificación Monforte-Lugo.

 

            - TERCEIRO: solicítase unha partida de 2.500.000 euros para a renovación da liña Vegadeo-Ferrol, que afecta ás provincias de Lugo e de A Coruña.

 

En materia de augas e transición ecolóxica, o Partido Popular considera necesario o impulso con redacción de proxectos novos para:

 

            - PRIMEIRO: o saneamento e depuración dos concellos de Monforte de Lemos, Castro de Rei, Portomarín e a eliminación de pluviais e tanque de treboadas en Chantada para o que se propón a necesidade de contar cunha partida adicional de 1.400.000 euros.

 

            - SEGUNDO: en concordancia, tamén se considera preciso declarar de interese xeral do Estado dito saneamento e depuración de Monforte de Lemos, Portomarín, Chantada, Castro de Rei e o saneamento de Vilalba; imprescindible esta declaración para garantir o correcto saneamento en poboacións de 5.000 habitantes e cumprir a directiva 41/271 sobre o tratamento de augas residuais urbanas.

 

En materia de interior, destacan a inclusión de 300.000 euros para a construción da nova comisaría de Lugo, co fin de que poidan cumprirse os compromisos adquiridos en anos anteriores respecto destas instalacións e para que a cidade conte con estas dependencias.

 

Figuran emendas igualmente importantes propostas polos deputados galegos no Congreso que afectan a Lugo y a outras provincias galegas que supoñen 10 millóns de euros para a promoción do Xacobeo 2021 en Galicia e 20 millóns para un Convenio coa Comunidade Autónoma de Galicia para a Estratexia de Resiliencia Turística.

 

Tamén no ámbito da Transición Ecolóxica, os populares propoñen dirixir 10,3 millóns para a implantación da recollida selectiva de residuos en todos os núcleos rurais ou para atender as necesidades das Reservas da Biosfera por medio de Parques Naturais.

De aceptarse o conxunto de emendas presentadas polos deputados lucenses no Congreso, a dotación inicial veríase incrementada en máis de 44,6 millóns de euros; ademais do beneficio para a nosa provincia da inclusión doutras partidas para Galicia que ascenden a outros 90 millóns de euros.

 

Apoio na Deputación

Dende a dirección provincial confirman que, no Pleno deste mes, os populares na Deputación tamén instarán a socialistas e a nacionalistas a apoiar estas emendas e “subsanar así o trato discriminatorio con esta provincia e a demostrar que o pacto Pontón-Lastra non foi un papel mollado e non foi a cambio de nada”.