Elena Candia e José Antonio García poñen en valor que son os anos de xestión e os feitos os que ratifican ao PP “como garantía de futuro”

077614d244ea1b5a6145e1153fe7a9ba.jpg

PP de Lugo | 2019-03-15

A presidenta provincial, Elena Candia, e o candidato á Alcaldía en Sarria, José Antonio García, reivindicaron diante dos asistentes ao mitin que tivo lugar este xoves nesta localidade, que son os anos de xestión e os feitos os que ratifican ao PP “como garantía de futuro”. Neste senso, e nun concorrido encontro, no que tamén interveu o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, e participaron outros candidatos da comarca e distintos cargos orgánicos do Partido, Elena Candia puxo en valor que o Partido Popular ten un compromiso de futuro claro en España, en Galicia, na provincia e en Sarria.

 

“Tívoo cando gobernou sacando a España da maior crise; na comunidade, Feijóo é o paradigma de boa xestión e, por suposto, tamén tivemos un goberno local de Sarria, con José Antonio na Alcaldía, cun bo traballo feito a prol das necesidades dos máis de 13.000 habitantes desta localidade e que gañou, debemos lembrar, as últimas eleccións do 2015, quedándose a moi poucos votos da maioría absoluta”, remarcou.

 

A dirixente dos populares na provincia lamentou así que o panorama político nacional se podida apreciar tamén a nivel local. E é que “temos un PSOE, máis ben un Pedro Sánchez, centrado en si mesmo, nos seus intereses partidistas e nalgúns casos mesmos persoais; con importantes conflitos internos, que o converten nun agravio tanto para España, como para Galicia, para Lugo e para Sarria. Atopámonos cuns Gobernos en minoría a nivel nacional, provincial e local, cunhas xestións que se converteron nun insulto tanto aos españois, coma aos lucenses e aos veciños de Sarria”, afirmou.

 

Pactos “envelenados”
José Antonio García profundizou nesta cuestión, destacando que o PP gañou en 2015 as eleccións, a escasos votos dunha maioría absoluta, e catro partidos puxéronse de acordo, en contra do Partido Popular, para apoiar á actual alcaldesa. O resultado destes pactos “envelenados”, sinalou, é que “estamos ante un mandato perdido para Sarria, cunha xestión lamentable: morosidade nos pagos, incumprimento das promesas electorais, non se resolven problemas e mesmo se crearon outros novos como o da canceira, nefasta actuación coa obra de Ponte Ribeira, as obras da Rúa Diego Pazos, en pleno centro, paralizadas; perda de servizos, 4 anos sen presupostos... E non o digo eu, e que o recoñece a dirixente socialista ata en entrevistas que concede aos medios de comunicación”.

 

Voto útil ou castigo de Sánchez
Segundo Elena Candia, o Goberno de Sánchez pasará a historia pola súa intencionalidade de “castigar” a provincia, por intentar paralizar proxectos para os lucenses comprometidos polo Goberno do PP e por reducir moi considerablemente os investimentos na nosa provincia. “A Sánchez non lle interesa nin Lugo, nin Galicia”. Tal e así que, nos papeis oficiais do Estado, “se por el fora, só nos daba 213 euros por lucense. Pola contra, a Xunta inviste máis de 4.000 por habitante”; de aí que a presidenta provincial apelase ao voto útil. 

 

“Debemos ser conscientes que a xestión de Sánchez poderá ser a mesma se gañan o próximo mes de abril: buscar reeditar o seu pacto cos que buscan quebrar España, darlle concesión aos independentistas, mentres castiga aos lucenses e aos galegos. Temos isto ou votar a Casado, quen demostrou un compromiso serio e firme nas súas diferentes visitas a Galicia e á nosa provincia, centrado en explicar o seu proxecto, con propostas que lle resultan útiles á cidadanía: que se poda crear una empresa en tan só cinco días, un plan de conciliación e racionalización de horarios, o compromiso dun pacto de estado para acabar coa brecha salarial, baixada de impostos…”. Por tanto, engadiu: “o voto útil é o do PP, a fragmentación no centro dereita, beneficia a esquerda. E como dixo o noso presidente Pablo Casado, é necesario rescatar España dos socialistas e evitar que se volva fundir; ao igual que é necesario rescatar a Sarria desta desidia. Non experimentemos co voto, é necesario apostar pola estabilidade que temos en Galicia, e que se traslade tamén ao Estado cun Goberno do PP”, defendeu.

 

En Lugo, “non lle debemos nada ao PSOE”
Elena Candia concluíu así, dicindo que, se dende o PSOE nacional non teñen motivos para presumir de xestión en Lugo, a nivel provincial tampouco. Neste último caso, existe un Goberno do PSOE en minoría que “rebentou” a institución coas súas liortas internas, ata o punto de optar por poñer obstáculos ao avance de proxectos, como é a apertura das residencias. “Son da idea de canto peor para Lugo, mellor para nós. E non o di o PP, os anos déixanos ao descuberto. Foron reiterados os anuncios de inauguracións previos aos comicios electorais e hoxe a situación é a que é”, remarcou.

 

Fronte a esta crítica situación, destacou o traballo levado a cabo dende o Grupo do PP na Deputación, que impulsou, ao existir un Goberno en minoría, por exemplo, a aprobación do Plan Único, para que todos os concellos recibisen, axudas da Deputación para facer obras, prestar atención a persoas dependentes, para cultura, deporte, contratar persoal... Concretamente, Sarria nos últimos tres anos recibiu 1,5 millóns de euros do Plan Único.

 

Paseo por Becerreá 
Previamente ao mitin de Sarria, o candidato a Alcaldía deste municipio, Miguel Cela, e outros representantes dos PP a nivel local e con cargos en distintas institucións, acompañaron ao presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, nun percorrido polas rúas de Becerreá. Neste caso, ao igual que en Sarria, reivindicaron a necesidade de apoiar a Pablo Casado nas vindeiras eleccións xerais, poñendo en valor a xestión e a solvencia que aportan os Gobernos do PP, fronte a un Partido Socialista que, neste municipio da Montaña, experimentou unha fragmentación clara ao ser expulsado do mesmo o actual alcalde, Manuel Martínez.

 

Dese xeito, Miguel Cela encabezará de novo a lista dos populares, logo de obter o apoio unánime dos afiliados que o Partido ten neste concello. Así o manifestaron nunha reunión mantida na tarde-noite de onte, presidida polo secretario xeral, Carlos Armesto.