Partido Popular de Lugo

Feijóo di que o Goberno de Lugo supuxo “multiplicar por tres a parálise, a división e a seca de propostas”

14, setembro, 2018. “Ramón Carballo non é candidato porque o pedise ou porque manobrase para chegar ou manterse. É candidato porque un partido e, sobre todo, unha cidade llo pediu”, sinalou, esta tarde, o presidente dos populares galegos no acto de presentación do candidato á Alcaldía de Lugo. Neste senso, Feijóo salientou que gobernar co apoio de tres partidos non significa gobernar o triplo de ben, senón “multiplicar por tres a parálise, a división e a seca de ideas e de propostas”.

 

Por iso, o PPdeG aposta por Ramón Carballo, un candidato que promete servizo público e acredita un compromiso de esforzo, traballo e humildade: “Desde a humildade de quen fixo e fai o seu traballo, aprendendo dos erros e profundando nos acertos, quen está na política para servir e non para servirse dela, e quen non ten máis ambición que ser útil para a súa cidade. Desde aí será desde onde Ramón Carballo consiga que Lugo volva poñerse en marcha”. E é que tal e como salientou Feijóo, o candidato non ten máis ambición que Lugo e iso “é o mellor que podemos presentar aos lucenses”.

 

Feijóo, que destacou de Carballo a súa humildade, trasladoulle a súa confianza de cara as próximas eleccións municipais: “Vencerás nas urnas e gobernarás como a ti che gusta ser: exercendo como un veciño máis”. “Somos moitos no partido que queriamos que fora o candidato, pero tamén son moitos os veciños que queren que sexa o seu alcalde”, indicou Feijóo, quen apuntou que Carballo sempre foi “a primeira opción”: “Este partido e esta cidade –continuou- tiñan máis claro que Ramón Carballo tiña que ser o cartel electoral que o propio Carballo”. Feijóo dixo del que valora e fai valer a importancia do servizo público e do traballo polos demais e que “sempre tivo moi claro que Lugo pode saír das tensións e as divisións que impiden avanzar; que pode saír da inercia; e que pode ter un rumbo e trazar o seu propio camiño”.

 

 

EMPEZAR DE CERO

 

O presidente dos populares galegos lamentou a oportunidade perdida que supón para a cidade contar co actual Goberno municipal. Neste senso, destacou que “non existe balance do concello en Lugo”, xa que é un goberno que “está por estar” e do que ninguén sabe o que fixo nin a que se dedicou en todo este tempo. “Non hai un só veciño que sexa capaz de dicir tres cousas que durante estes tres anos fixera o Goberno Municipal na cidade”, dixo.

 

“Ante a ausencia de balance, propoñemos feitos e futuro; ante a desgana, ilusión e traballo; ante a parálise, proxecto; ante a división, un partido unido detrás dun candidato; e ante a desconexión cos veciños, Ramón Carballo”, indicou o presidente do PPdeG, quen incidiu na necesidade de que Lugo conte cun goberno que estea á altura dos seus veciños e da cidade, e un goberno, tamén, que queira e saiba acometer os retos do futuro. O PPdeG non se limita só a propoñer un cambio, senón que “despois da nada” o que toca “é empezar de cero” e recuperar o tempo perdido. “Temos que empezar todos xuntos desde cero, porque un goberno con cero proxectos e cero ideas devolveu á cidade á casilla de saída”, apuntou Feijóo, quen dixo que “Lugo vale moito máis que iso”.

 

A diferenza do Concello de Lugo, o Goberno galego si pode presentar un balance sobre Lugo, porque, segundo dixo Feijóo, “nós si estamos comprometidos con esta cidade”. Así, recordou proxectos xa finalizados, como o novo hospital, a reforma do centro FP das Mercedes ou a nova escola infantil con 82 prazas; e outros que ou ben están en marcha ou en previsión coma a nova residencia de maiores con 80 prazas, a nova oficina central de emprego, un centro de innovación, unha planta de biomasa, unha nova comisaría ou o centro integral de saúde que estará no Barrio da Residencia. “Nós cumprimos coa nosa parte. E o Goberno local que faga o que ten que facer: menos enredar, menos enganar e máis danos a licenza”, engadiu.

 

“A Xunta ten balance e ten proxectos de futuro porque ten ilusión, ten capacidade e ten a estabilidade necesaria para gobernar”, dixo Feijóo, quen avogou por un proxecto de cidade que, “en lugar dun proxecto de supervivencia política baseado en contentar aos partidos que sosteñen o Goberno local”, poña por enriba de todo o servizo público: “Non vimos a presentar a ningún salvador de nada, presentamos a alguén que ten a aspiración de ser servidor de todos”.

 

Neste senso, aproveitou para lamentar a política cada vez máis dominada polo ego e a soberbia, tal e como se pon de manifesto nun presidente do goberno ao que lle “importan máis as fotos que as medidas concretas que adopta o seu executivo”; ou nos “partidos unipersoais” como Ciudadanos ou Podemos ou nos moitos políticos que “están máis cómodos cando falan deles que cando a eles lles toca facer”.

 

http://www.ppdegalicia.com/gl/actualidade/item/6069-feijoo-di-que-o-goberno-de-lugo-supuxo-multiplicar-por-tres-a-paralise-a-division-e-a-seca-de-propostas