O grupo provincial do PP presentará unha moción de urxencia para instar ao Goberno dende a Deputación a manter a sala do 091 na Comisaría de Policía de Lugo

9340912413aa1102289a0fae7fc6b2fd.jpg

PP de Lugo | 2021-02-22

O portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, participou o pasado venres nunha reunión de representantes institucionais populares con membros da Federación Provincial de Asociacións e co portavoz en Lugo do sindicato SUP, na que se puxo de manifesto a necesidade de conseguir que a Comisaría da capital lucense manteña a sala do 091. Castiñeira anuncia que os deputados provinciais do PP presentarán no próximo pleno da Deputación, que se celebrará o martes, “unha moción de urxencia  para instar ao Goberno a que manteña a sala do 091 en Lugo”. Explica que “na reunión co Sindicato Unificado de Policía  e coa Federación Provincial de Asociacións de Veciños estivemos todos de  acordo en que é moi necesario que todas as administracións se comprometan neste sentido e a Deputación de Lugo é fundamental para reclamar ao Estado a súa permanencia na cidade amurallada”.

 

Castiñeira sinala: “Aproveitaremos esta moción para solicitar a creación da Unidade de Prevención e Reacción (UPR) da Policía en Lugo. Coa actividade que ten a capital da provincia é moi necesario que conte con este servizo”.

 

Na mesma moción, os populares buscarán “o apoio de toda a corporación provincial para que o Estado cubra as 15 prazas de policías que están sen cubrir en Lugo e que son necesarias para reforzar este servizo”.

 

Castiñeira di que esperan que “tanto o PSOE como o BNG apoien esta moción e que sexa aprobada por unanimidade, para conseguir o que pide a sociedade lucense, en xeral, e en concreto as asociacións de veciños e o Sindicato Unificado de Policía”.