Partido Popular de Lugo

O candidato popular á alcaldía da Pontenova, David Álvarez, destaca a implicación do Goberno da Xunta coa ampliación do polígono

  • O popular cre que “o compromiso do Goberno galego coa posta en marcha de melloras na Pontenova é claro tal e como reflicte “a celeridade coa que outorgou a autorización definitiva sobre a modificación das normas subsidiarias de planeamento”

 

21 de marzo, 2019. O alcaldable popular da Pontenova, David Álvarez, destaca a implicación do Goberno galego coa ampliación do polígono industrial e lamenta que o Goberno local do PSOE se teña escudado en que estaba pendente de rematar por parte da Xunta a tramitación urbanística, dato que non era certo, “para intentar tapar a súa falta de interese por este proxecto durante 12 anos”.

 

O candidato do PP á alcaldía recorda que “a Xunta xa deu a autorización definitiva para a ampliación do polígono empresarial cara ao sur o que afecta a un total de 16 hectáreas que completan a parte urbanizada do polígono. Así, desde o 13 deste mes que o Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia publicaba a modificación das normas subsidiarias neste ámbito, o Concello xa pode conceder novas licenzas ás empresas interesadas”.

 

Nese senso, Álvarez asegura que “esta é unha das mellores novas para A Pontenova”; pero sinala que “é preciso un compromiso do Concello para facer realidade a ampliación que da resposta á demanda por parte de empresas interesadas en ampliar as súas industrias e que contribuirían, polo tanto, ao asentamento ou incluso ao crecemento do emprego no municipio”.

 

Celeridade” da Xunta

Álvarez cre que “o compromiso claro do Goberno galego coa posta en marcha de melloras na Pontenova queda reflectido na celeridade coa que outorgou a autorización definitiva tras efectuar os traballos de supervisión da documentación presentada en só 8 días laborais desde que a petición de modificación das normas subsidiarias tivo rexistro de entrada en Lugo”.

 

O popular asegura que, pola contra, “os socialistas non fixeron nada en 12 anos. E a falta de iniciativa por parte do Goberno local durante os tres últimos mandatos para aumentar o polígono só é un exemplo concreto”.

 

Nada sobre a residencia de maiores e o sector turístico

Álvarez explica, así mesmo, que “no rexistro do Concello non consta ningún contrato de compra-venda dos terreos necesarios para a construción da residencia de maiores” e lamenta “a falta dun proxecto turístico que garanta actividade aos comercios e locais hostaleiros do municipio”.