O GMP burelés: “o alcalde dixo que en 2016 tería lista a RPT, e agora resulta que di que en febreiro vai negociar”

PP de Lugo | 2019-01-02

Burela, 2 de xaneiro de 2019.- O Grupo Municipal Popular (GMP) burelés denunciou hoxe, “unha vez máis, as mentiras do alcalde, neste caso referidas á política de persoal que está levando a cabo, vistas as súas declaracións ante as reivindicacións dos empregados municipais”.

 

Os edís do PP afirman que “de novo temos que dicir que nacerá un corvo branco antes de que Llano diga unha verdade. En primeiro lugar, hai que indicar que este señor asinou o contrato para elaborar a Relación de Postos de Traballo (RPT) en xuño de 2016, hai máis de dous anos e medio, polo que resulta un insulto á intelixencia dicir agora que en febreiro se vai negociar. E aínda que o alcalde dixo no seu momento que nun ano a RPT estaría lista, é evidente que tivo tempo sobrado a facela, xa que na mesa negociadora do 24 de xaneiro de 2018 o propio alcalde indica que ‘se intentará acadar un acordo para rematar a RPT’, o que quere dicir que pouco ou nada se levaba feito e pouco ou nada fixo no último ano”.

 

Desde o GMP aseguran que “en segundo lugar, na mesa de negociación de 18 de novembro de 2015 o alcalde anuncia a creación de postos de traballo e a aprobación dunha Oferta de Emprego Público (OPE), pero non fai capaz a facer unha sola OPE nestes catro anos. As prazas que se cubriron, agás a de Tesourería, que foi por imperativo legal, foron todas con carácter interino para cubrir xubilacións, e non todas, por certo”.

 

Para os populares, “só faltaría que o alcalde non estivera disposto a falar cos representantes dos empregados municipais, pero o certo é que en 2017 só convocou unha sesión da mesa de negociación. Falar non é un fin en si mesmo, senón un medio para chegar a acordos, e neste caso a RPT vai para largo, dado que é incapaz de presentar documentos para a discusión e aprobación se procede na mesa de negociación”.

 

O GMP tamén asegura que “no Plano Normativo Municipal aprobado en xullo de 2017 incluíase a elaboración dun Regulamento Orgánico Municipal do Concello, que a día de hoxe non ten nin unha soa liña redactada”.

 

“Todo o indicado, sinalan os populares, demostra que o alcalde debería ser máis coidadoso nas súas declaracións, xa que ter a mentira como norma de conducta habitual non é o máis sensato. E se a iso lle sumamos as poucas ou nulas ganas de traballar que ten, quédanos que a RPT que está vixente é a que aprobou un goberno municipal do PP en 2006”.