O Grupo Municipal do PP de Monforte amosa a súa repulsa ante “as constantes faltas de respecto do alcalde”

Os edís do Grupo Popular no Concello monfortino abandonaron a sesión plenaria preto do seu remate cando “o rexedor pretendía enganar aos grupos da oposición e aos veciños que representamos negando que ata agora se fixeran actuacións a prol do Corredor Atlántico”

PP de Lugo | 2019-03-12

12 de marzo, 2019. O Grupo Municipal do PP de Monforte amosou co abandono da sesión plenaria celebrada este luns a súa repulsa ante “as constantes faltas de respecto que o alcalde leva repetido ao longo de todo este mandato” e os “intentos de engano aos veciños” ao asegurar que ata o momento non se fixera nada en relación ao Corredor Atlántico.

 

As declaracións do rexedor local socialista sobre o Corredor Atlántico deriváronse dunha pregunta que o Grupo Popular presentaba ao pleno sobre a postura do alcalde ante a ausencia do bypass en Monforte no plan director para o Corredor Atlántico que foi presentado polo Goberno do PSOE. Precisamente sobre o Corredor Atlántico a voceira do Grupo Municipal Popular, Julia Rodríguez, defendeu “as xestións que leva feito o Goberno de Feijóo e que así recolle a hemeroteca”. Polo tanto, considera que o rexedor monfortino “pretende enganar non só aos grupos da oposición, senón tamén aos veciños que representamos”.

 

Faltas de respecto “reiteradas”

Rodríguez lamenta “a falta de respecto que profesa o alcalde ao resto de grupos da corporación municipal. E non é a primeira vez, senón que este proceder se ten reiterado ao longo dos últimos catro anos”. Concretamente, a voceira do Grupo Municipal do PP apuntou que no último pleno “o alcalde socialista asegurou que a voceira de Esperta Monforte non sabe diferenciar a estas alturas do mandato entre moción, rogo ou pregunta”. E, na mesma liña, “tamén asegurou que o proceder do anterior secretario municipal podía constituír un delito cando precisamente o funcionario ten advertido ao alcalde sobre actuacións indebidas pola parte deste último”.

 

Hoxe mesmo o Grupo Municipal Popular tivo coñecemento a través dos medios de comunicación dunha concentración e minuto de silencio en recordo das vítimas do 11-M que se desenvolvía onte diante a casa consistorial. Así, os edís populares lamentan “outra falta de respecto institucional por parte do alcalde que non foi quen de convocar ao resto de grupos da corporación monfortina”.

 

Rogo in voce

Julia Rodríguez presentou un rogo in voce pedíndolle ao alcalde que se abstivera de facer declaracións cuestionando a falta de profesionalidade de compañeiros da corporación ou funcionarios públicos que, aínda por riba, non estaban presentes na sesión plenaria.

 

Xulgado do social e arranxo de rúas

O Grupo Popular na corporación monfortina presentou tamén outros rogos pedindo unha declaración institucional por parte do Corporación monfortina uníndose á solicitude dun novo xulgado do social en Lugo e o cumprimento dos acordos plenarios sobre o estado de numerosas vías da cidade. De feito, a petición do Grupo Municipal Popular fora aprobada fai un ano unha moción que pedía “o arranxo de rúas que aínda hoxe seguen sen arranxar tendo máis necesidade que outras que foron melloradas nos últimos meses”. Polo tanto, “o alcalde volve desoír os acordos plenarios prexudicando aos veciños da rúa Vicente Risco, Raimundo Patiño, Luís Seoane e Antolín López”.