O orzamento da Deputación para 2020 demostra que Tomé só buscaba o sillón e que carece de proxecto para a provincia e de ganas de traballar

Os populares consideran que as partidas destinadas a investimentos quedan moi por debaixo das necesidades reais e que o goberno provincial non ten ideas para afrontar o grave problema da despoboación

PP de Lugo | 2019-11-27

Lugo, a 27 de novembro de 2019. Ao presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, pásalle o mesmo que aos políticos que se definían como representantes da nova política. Nin se viu nada que poida definirse como nova política en España nin na Deputación cambiaron verdadeiramente as formas, por máis que o aseguren o presidente e o seu equipo. De novo incorre en desconsideración coa oposición, porque o proxecto de orzamento para 2020 foi presentado antes aos medios de comunicación que ao PP, que é o partido con máis ampla representación no organismo provincial. As vellas formas seguen vixentes. E tamén a política orzamentaria, porque José Tomé fixo, pouco máis ou menos, un corta-pega do presuposto do ano en curso, corrixindo aquilo que, por forza, ten que cambiar, como o que implica a disolución de Suplusa. Para o Grupo Provincial do Partido Popular este proxecto de orzamentos demostra o que vén dicindo: o presidente, José Tomé, só buscaba conseguir o sillón, porque, como se ve no proxecto das grandes contas para 2020, non ten ganas de traballar e carece de proxecto para a provincia.

 

O importe total do orzamento (91,7 millóns) é superior en só 3,2 millóns ao de 2019, e iso porque, como recoñece o propio goberno provincial, hai un incremento na participación dos tributos do Estado, practicamente pola mesma contía. É altamente significativo o que reflexa o capítulo de inversións reais (VI), que só se incrementa en 269.518 euros. É fácil sacar conclusións, máis aínda se este ano non hai que dedicar recursos significativos a Suplusa, en tanto que esta sociedade está en pleno proceso de liquidación. É chamativo o feito de que diminúe en 854.059 euros a cantidade destinada en este capítulo concreto a estradas provinciais que, incluíndo expropiacións, queda en pouco máis de 3,4 millóns. Iso si, na memoria do orzamento, o goberno provincial asegura que destina case 14 millóns á mellora da rede de estradas provinciais no conxunto do orzamento.

 

Unha das graves eivas que, a xuízo do Grupo Provincial Popular, ten este proxecto orzamentario é que non considera prioritaria a intervención decidida do organismo provincial para facer fronte ao grave problema de despoboación da provincia. De feito, na memoria orzamentaria, de ton inxustificadamente triunfalista, só se fai unha brevísima referencia a «fixar poboación», e é de pasada ao referirse a que, segundo o goberno, estas grandes axudan «a combater coas ferramentas que temos a grave caída demográfica que estamos a sufrir». Pero, como sempre, unha cousa é predicar e outra dar grao; aquí, predícase, si, pero grao non hai ou hai moito menos do que é preciso nas actuais circunstancias.

 

Se hai un apartado do orzamento que resulte de moi especial importancia para os concellos da provincia é o Plan Único. Segundo se indica na memoria do proxecto de orzamento, neste consígnanse 11,2 millóns, pero a cantidade total final será de 20 millóns, mediante a adición de remanentes hasta alcanzar dito total. Polo tanto a cantidade que se reflexa no proxecto orzamentario (11,2 millóns) é practicamente igual á reservada no orzamento inicial do 2019. Dadas as necesidades da provincia, considerando á situación económica da Deputación e tendo en conta que o entorno económico actual é mellor do que se prevé a medio prazo, o deseño orzamentario do Plan Único para o 2020 resulta moi pouco ambicioso e limítase a dar continuidade ao trazado polo anterior goberno provincial. O Grupo Provincial do PP «agradece que se respecte o Plan Único» e aclara: «Non pasariamos por menos».

 

Tampouco hai cambio significativo no importe total destinado á residencias de maiores, que no orzamento de 2020 conta con nove millóns de euros. Esta vez parece que parte dos recursos se destinarán a apertura dos centros de A Fonsagrada, Castroverde e Pedrafita. Sen tempo non é, porque por exemplo no caso de Castroverde o edificio leva inaugurado desde o 2015. A apertura das residencias é unha necesidade inaprazable nunha provincia con poboación envellecida como é a de Lugo.