O Parlamento solicita ao Concello de Abadín que subsane as obras que imposibilitan o acceso á súa vivenda a unha persoa con discapacidade

Logo dunha transacción acordada entre o Grupo Popular, o Grupo Socialista e En Marea

PP de Lugo | 2019-06-05

Santiago, 5 de xuño de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade, logo dunha transacción entre o Grupo Popular, Grupo Socialista e En Marea, unha proposición non de lei a través da que se solicita ao Concello de Abadín que proceda á subsanación dos efectos negativos das obras realizadas que imposibilitan o acceso á súa vivenda dunha persoa con discapacidade no lugar de Couto na parroquia de Abeledo.

 

A deputada popular Encarna Amigo salientou “o compromiso da Xunta por remover os obstáculos que impidan ou dificulten que as persoas con algún tipo de discapacidade poidan gozar dunha vida autónoma e independente”. Neste sentido, lembrou que “este compromiso da Xunta para avanzar na consecución da igualdade real das persoas con discapacidade e a súa plena inclusión traduciuse na aprobación da Estratexia galega sobre discapacidade 2015-2020”.

 

ACCESIBILIDADE UNIVERSAL

 

“É necesario seguir traballando para que a accesibilidade universal sexa un principio básico na práctica cotiá, de xeito que todas as persoas poidan acceder en condicións de seguridade e comodidade e da forma máis autónoma e natural posible, a calquera contorno, servizo ou produto, é dicir, que o conxunto da poboación, con independencia das súas capacidades, teña acceso aos mesmos”, sinalou.

 

Encarna Amigo manifestou que “a nese compromiso do Goberno galego compre que se sumen todas as administracións públicas, no ámbito das súas competencias, traballando arreo para que a accesibilidade universal e o deseño para toda a cidadanía sexa unha realidade”.