Partido Popular de Lugo

O PP alerta de que “Sánchez, co silencio cómplice do PSOE na provincia e en Galicia, está escribindo as primeiras liñas do epitafio de Alcoa San Cibrao, e isto é moi grave”

26, marzo, 2019. O Partido Popular traslada “o apoio rotundo” aos traballadores de Alcoa e alerta de que “Sánchez, co silencio cómplice do PSOE na provincia e en Galicia, está escribindo as primeira liñas do epitafio da empresa en San Cibrao, e isto é moi grave”. Así o expuxo o cabeza de lista ao Congreso, acompañado polos candidatos a esta Cámara e ao Senado, ademais de polo tenente alcalde de Cervo, Plácido Otero, e os voceiros de Enerxía e Industria na Cámara Alta da lexislatura que vén de rematar Juan Manuel Juncal Rodríguez e Tristana Moraleja Gómez, respectivamente, logo da reunión mantida co Comité de Empresa este martes.

 

Deste xeito, Olano subliñou que “hoxe, máis ca nunca, convén repensar o voto o 28 de abril, pois xogámonos o mantemento de 2.000 empregos e o futuro dunhas 6.000 familias; algo que ao Sr. Sánchez e ao Partido que representa semella non importarlle”.

 

O cabeza de lista ao Congreso sinalou así que “non podemos fiarnos do Sr. Sánchez, posto que xa non é que non acostume a dicir a verdade, senón que tampouco debemos fiarnos do que poida acontecer despois das elección se gaña, pois moito nos tememos que podería certificarse a defunción de Alcoa en A Mariña, condenando a esta comarca ao desemprego e a depresión”, remarcou.

 

A fórmula para garantir Alcoa

Ao igual que fixeron a semana pasada, os populares reiteraron que o borrador do Estatuto do Consumidor Eléctrico non só non soluciona nada, senón que enche de dúbidas e incertidume a todos os implicados: empresa, traballadores, proveedores, consumidores, etc. Por iso, esixen ao Goberno que teñan en conta as alegacións presentadas este luns pola Xunta de Galicia a dito documento, e que son as seguintes:

 

1.- Inclusión dunha categorización das empresas electrointensivas diferenciando entre consumidores electrointensivos, consumidores altamente electrointensivos e consumidores hiperelectrointensivos co obxectivo de que se poidan atender as necesidades concretas de cada empresa en función do consumo enerxético que teña o seu proceso produtivo.

 

2.- Establecemento de compensacións polo pagamento de renovables, sobre todo, para as empresas que teñan unha maior carga no seu custo enerxético vinculado ao custo das renovables.

 

3.- En terceiro lugar, que se habilite o dereito ás compensacións desde o punto vista fiscal e dos descontos por peaxe, dous aspectos que teñen unha incidencia directa no custo enerxético que teñen que asumir as empresas electrointensivas e que permitiría que, a través das deducións fiscais, como o desconto no sistema de peaxes de transportes, un impacto para responder ás necesidades de prezo enerxético. Trátase de que se estableza unha redución de peaxes e impostos.

 

4.- A última das medidas que se inclúe nas alegacións está vinculada aos mecanismos de CO2 co propósito de que se introduzan as compensacións que habilita a propia Comisión Europea derivadas das propias poxas de CO2. A finalidade é permitir unha suficiencia financeira axeitada para dar resposta ás empresas electrointensivas.

 

Trátase de catros medidas que deben ser retroactivas dende o 1 de xaneiro, co fin de que as empresas poidan ter unha certeza sobre os custos enerxéticos que terán que asumir durante 2019, e que serían a fórmula para garantir a supervivencia de Alcoa e os seus traballadores en A Mariña.

 

Sánchez e o PSdeG nada fixeron

Segundo os populares, “as decisións de Sánchez en materia enerxética unicamente beneficiaron a cataláns e vascos -os seus socios de goberno-, prexudicando gravemente aos demais españois, en especial aos galegos e, agora, moito nos tememos que tamén aos mariñanos”. Por este motivo, defenden que “é necesario” que o 28 de abril se produza un cambio no Goberno, xa que, do contrario, “este será o preludio da crónica da morte anunciada de Alcoa San Cibrao”.

 

E, todo elo, apuntou Olano, “coa connivencia dos representantes do Sr. Sánchez en Galicia e en Lugo”. Porque, o certo é que, engadiu, “os socialistas non moveron un dedo, nin sequera descolgoron o teléfono, nin escoitaron as demandas de empresas e traballadores”. Fronte “a este desentendemento”, cando houbo o problema no ano 2014, o PP deu a cara pola Mariña. Exemplo disto é que Mariano Rajoy reuniuse co presidente mundial, o que permitiu que se puxesen en marcha as poxas para as industrias electrointensivas, se establecesen outro tipo de axudas pactadas coa UE e a Xunta de Galicia puxese en marcha o gasoducto de A Mariña para facilitar o uso do gas na pranta de Alúmina de San Cibrao.