O PP aposta pola estabilidade que caracteriza aos Goberno deste Partido Popular con Verónica Arias como candidata á alcaldía do Páramo

Os populares lucenses agardan contar co apoio dos veciños do Páramo nas vindeiras citas electorais para levar a España pola senda do crecemento cun Goberno liderado por Pablo Casado e para continuar con políticas próximas aos veciños dende o Concello

1b8d123dd689bf56b063fbe15c8450d5.jpg

PP de Lugo | 2019-03-13

13, marzo, 2019. Os populares lucenses agardan contar co apoio dos veciños do Páramo nas vindeiras citas electorais. De xeito máis inmediato celebraranse as eleccións xerais nas que “España se xoga avanzar pola senda do crecemento da man dun Goberno liderado por Pablo Casado fronte á inestabilidade do Goberno de Sánchez que ata o de agora só amosou desprezo polos lucenses e falta de compromiso coa nosa provincia”.

 

Igualmente, dende o PP da provincia agardan poder continuar a desenvolver políticas próximas aos veciños dende o Concello do Páramo onde a actual tenente de alcalde, Verónica Arias, será a candidata ante as eleccións municipais de maio. Deste xeito, a edil agarda revalidar a maioría absoluta do PP neste municipio, continuando así co “gran legado que nos deixa Gumersindo Rodríguez”.

 

Ademais de poñer en valor o traballo do rexedor, do que destaca “o compromiso e unha vocación política incansable”, que o mantivo no cargo durante 36 anos, afirma que o seu obxectivo é “seguir traendo servizos e dotacións básicas para os veciños”.

 

“Creo que os que estamos en política debemos basear o noso programa nisto. O noso fin último debe ser atender aos cidadáns e dar unha solución ao que nos plantexan ou demanden”. Con esta premisa se presenta a candidata, quen non dubida en recoñecer que se trata “dun paso importante a nivel persoal, pero tamén un bonito reto político”.

 

Ademais, Arias ten unha ampla experiencia na política municipal e na administración local, pois, na actualidade, dirixe as áreas de Xuventude, Muller, Cultura e Deportes. “Coñezo o Concello, coñezo a xestión e a administración local, coñezo e aprezo aos meus veciños; por iso, me animo a dar un paso á fronte”. Ademais, engadiu, “fágoo logo de obter o apoio dos compañeiros da agrupación que me deron a súa confianza, así como o do propio Gumersindo”, quen sempre “foi e será un gran alcalde”. “Del aprendín a cercanía, que hai que estar cos veciños, atentos ás súas sensibilidades…. e iso é o que intentarei aplicar”, sinala.

 

Con todo, e “dende a responsabilidade que leva aparellada este compromiso, con humildade intentarei seguir sumando para O Páramo”. Para elo, acompañarana un equipo de persoas “sensatas, honradas e traballadoras”.

 

Currículo da candidata

Verónica Arias compaxina a responsabilidade da concellería que dirixe coa súa profesión nunha asesoría de empresas. Malia contar tan só con 40 anos, a alcaldable leva moitos anos vinculada á política e ao Partido Popular. É concelleira por esta formación dende hai 16 anos.