O PP cre que o goberno provincial quere pechar en falso e ás présas a extinción de Suplusa e anuncia que votará en contra senón se cómpren as condicións fixadas ao inicio do proceso

82233ca0da82098595728f8751d635f4.jpg

PP de Lugo | 2020-11-20

O grupo provincial do PP anuncia a súa oposición a pechar en falso a extinción da sociedade Suplusa e avisa de que a relación da Deputación con Tragsa podería ter “algunha vertente xudicial distinta da contencioso-administrativa”. O portavoz provincial dos populares, Javier Castiñeira, explica: “Despois das  declaracións do presidente e da vicepresidenta da Deputación, entendemos que o bipartito pretende cerrar en falso e á presa a disolución da sociedade mercantil Suplusa. O grupo provincial do PP mostrou o seu  absoluto desacordo, que fixemos constar nas actas das reunións da comisión liquidadora, especialmente nas  últimas”.

 

Castiñeira indica: “O Partido Popular quixo participar na comisión liquidadora, como consta na acta do pleno de inicio do proceso de disolución, en setembro de 2019, por varios motivos, un deles que non se fiaba do bipartito, porque era un proceso de animadversión clara de PSOE e BNG contra Suplusa; o BNG quería baleirar de contido a Deputación, empezando por Suplusa, como dixo a vicepresidenta”. Destaca que as liortas  internas que tivo no pasado mandato o Partido Socialista afectaron ao funcionamento de Suplusa. Por outro lado, os populares –explica Castiñeira- quixeron estar na comisión liquidadora para defender os dereitos dos traballadores e os de numerosos concellos que teñen acordos e convenios coa Deputación para desenvolver solo industrial.

 

O portavoz popular asegura: “Non entendemos para nada que o presidente e a vicepresidenta falen de unanimidade, cando saben perfectamente, polas actas, que hai unha posición clara do PP de non pechar en falso o proceso de disolución. O bipartito quere pechalo  canto antes”.

 

Os populares critican algunhas das manifestacións do presidente da Deputación. Castiñeira asegura: “Di que este proceso se fai para adelgazar a Administración. Iso é falso, e o claro exemplo é o servizo de xardinería, que antes prestaba Suplusa, cos seus traballadores, e que agora fai Tragsa, que resulta máis caro. Hai un proceso aberto no Contencioso no que o PP entende que a compra dunha acción de Tragsa pola Deputación de Lugo  se fixo de maneira non legal. Este tema segue aberto”.

 

En canto aos traballadores -afirma Castiñeira- existe un problema laboral evidente cos xardineiros, que están en absoluto desacordo con  ser subrogados a Tragsa. O que piden é que  se subroguen á Deputación de Lugo, que é algo que tamén quere o PP de Lugo. Mentres non se resolva isto segue habendo un problema laboral cos traballadores de Suplusa.

 

Javier Castiñeira explica: “Doutro lado, o bipartito non aclarou nunca por que Tragsa usou material, equipamento e maquinaria  de Suplusa sen a súa autorización. Estamos a falar de moitos cartos, dun ano e algún mes de uso de maquinaria. A voceira do grupo socialista non foi capaz de aclaralo cando, no seu día, llo preguntou o PP”.

 

Para os populares, “non hai certeza de que a Deputación queira cumprir os compromisos con todos concellos que firmaron convenios con Suplusa para desenvolver solo industrial. Mentres a Deputación non confirme que renovará eses compromisos, isto vaise pechar  en falso con prexuízo para moitos concellos”.

 

O popular Javier Castiñeira lanza unha recomendación ao presidente José Tomé: “Non se apure, non peche en  falso este proceso, porque ás veces querer ir moi rápido lévanos a non facer un proceso correcto e a ter moitos problemas de todo tipo: cos traballadores,  xudiciais, de débedas entre Tragsa e Suplusa, cos Concellos que non están de  acordo en que desaparezan os convenios. Este proceso pódese alongar moitísimo. O PP adiante que votará en contra  sempre que nos se garantan os compromisos como se prometeu inicialmente”.

 

Datos reveladores

O deputado popular e viceportavoz do PP na Deputación José Antonio García aporta datos que resultan reveladores. Distingue entre liquidación e extinción de Suplusa. Así, explica que o pasado día 18 acabaron os traballos da comisión liquidadora, centrados basicamente na documentación mercantil, contable, técnica e xurídica. Esta documentación avala, segundo asegura, a xestión que fixo Suplusa todos estes anos en beneficio da provincia. García di que o balance de cesión global de Suplusa á Deputación e dun patrimonio de 22.460.000 euros, despois do desenvolvemento de polígonos industrias ao longo da provincia, a construción de residencias de maiores e o mantemento das zonas verdes da Deputación. Sinala: “No PP non compartimos para nada a visión negativa de Suplusa que quere dar o goberno provincial chamándolle “chiringuito”; todos os gobernos anteriores, incluídos os dos socialistas Gómez Besteiro e Darío Campos defenderon a Suplusa como entidade mercantil pública esencial”.

 

O mesmo viceportavoz popular sinala: “Concluídas as operacións mercantís, que se fixeron con todas ás da lei, o noso voto é favorable a este traballo. Agora ben, a extinción da sociedade corresponde aceptala ao pleno da Deputación e nós nestas últimas comisións expresamente manifestamos que propoñemos que a Deputación non extinga aínda Suplusa”.  Detalla as razóns da proposta do seu grupo: non se cumpriu o anunciado polo goberno de que coa desaparición de Suplusa se adelgazaría a Administración e se reducirían custes; tamén que se manterían todos os servizos que prestaba Suplusa e se garantirían os dereitos dos traballadores. E non foi así. O goberno de Tomé adoptou decisións á marxe da comisión liquidadora, que no PP consideramos que son manifestamente ilegais”.

 

Os populares indican que mentres o goberno provincial dicía que se adelgazaría a Administración, a Deputación entrou por decreto no accionariado de Tragsa; os informes xurídicos –di García- demostran que o presidente Tomé, sen autorización da comisión liquidadora, tomou unha decisión que non lle correspondía, que foi encargar a Tragsa o mantemento das zonas verdes provinciais. Despois dun ano, vemos que supón 825.188 euros, un gasto moi superior ao que tiña cando era Suplusa a que atendía o servizo. Polo tanto, “non adelgazou a Administración, nin reduciu o gasto (é centos de miles de euros máis caro ao ano). Agrega: “Este presunto trato de favor a Tragsa podería ter algunha vertente xudicial distinta da contencioso-administrativa”.