O PP critica a “falta de transparencia” do goberno da Deputación e acusa a Tomé de usar a institución para facer oposición a Feijóo en vez de xestionar en interese dos lucenses

cf3041f17944f12dda2067bddacc101f.JPG

PP de Lugo | 2020-10-09

O grupo provincial do PP cualifica como “caso de intolerable exercicio de opacidade política” o encontro mantido no pazo de San Marcos polo presidente da Deputación, José Tomé (PSOE), e o secretario xeral dos socialistas de Galicia, Gonzalo Caballero, para, segundo os medios de comunicación, falar de cuestións orzamentarias para a provincia. O portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, sinala: “Se no día de onte  o grupo provincial do PP tivo que denunciar o sectarismo ao que o goberno da Deputación somete a practicamente a metade dos concellos da provincia, que están gobernados polo PP, no día de hoxe temos que  denunciar unha nova falta de transparencia política por parte deste goberno”.

 

Castiñeira di: “É totalmente inaceptable o que volvemos ver no pazo de San Marcos. Parece que o secretario xeral do PSdeG-PSOE,  Gonzalo Caballero, veu a Lugo a dar instrucións e seguir dando ánimo ao señor Tomé para que persevere no que vén facendo dende a súa investidura: facer oposición ao goberno de Galicia, á Xunta, dende as institucións, sinaladamente dende a Deputación de Lugo”.

 

Os populares acusan aos socialistas de facer “un uso político vergoñento das institucións” e instan “ao presidente  Tomé, e ao goberno da Deputación en xeral, a que deixen de usar politicamente as institucións para fines única e exclusivamente partidistas e que se dediquen  a xestionar ben os recursos de todos os lucenses e non a facer todo o contrario”.

 

Castiñeira manifesta: “Se o presidente  Tomé quere falar da provincia co presidente da Xunta de Galicia, o que debe facer é chamar ao señor  Feijóo, desprazarse a Santiago ou invitalo a que visite a provincia de Lugo, e falar do que de verdade é importante para Lugo. O que non pode  facer é chamar a terceira forza do Parlamento de Galicia, que é o Partido Socialista, para dicirlle cales son as necesidades da provincia de Lugo; resultaría absolutamente cómico senón fora porque é unha falta de respecto a todos os lucenses e a todos os galegos. Esta falta de  de transparencia política vén demostrar por que o Partido Socialista é a terceira forza no Parlamento de Galicia e a segunda forza na Deputación de Lugo”.