O PP de A Fonsagrada: “Só dende Medio Rural o investimento da Xunta é un 18% máis que o Orzamento do Concello en 2018”

Os populares critican as declaracións realizadas recentemente polo alcalde sobre o labor do Goberno galego, demostrando con elas “que nin coñece o datos do seu Concello nin leva un control do que fan outras administracións neste municipio”

PP de Lugo | 2018-06-08

08, xuño, 2018. “Só dende a consellería de Medio Rural o investimento da Xunta de Galicia é un 18% máis que o Orzamento do Concello en 2018”. Os populares de A Fonsagrada saen así ao paso das declaracións realizadas recentemente polo alcalde sobre o labor do Goberno galego, demostrando con elas “que nin coñece os datos do seu Concello nin leva un control do que fan outras administracións neste municipio”. E é que o importe gastado por este departamento neste municipio suma preto de 4,2 millóns fronte aos 3,4 millóns do presuposto aprobado nesta anualidade pola entidade local.

 

A este respecto, os populares reproban que o socialista apuntase que o responsable da Xunta en Lugo se adique a pasear pola provincia, pois “tal e como indican as cifras, debería de pedir desculpas públicas, xa que está menosprezando as axudas e a colaboración dunha administración que supera amplamente non só o investimento que realiza o Concello, senón tamén a Deputación de Lugo”. Proba delo, é que tal e como se desprende do documento de Orzamentos municipal, en investimentos reais, a institución luguesa, gobernada tamén polo Partido Socialista, aínda que en minoría, só figuran dúas partidas de 181.496 euros e 268.962 euros cada unha.

 

 

Pero é que se se extrapolan os datos en función da poboación, aínda son moito máis clarificadores, pois o investimento desta consellería supón case 1.000 euros por habitante (926 euros), fronte aos 122 da Deputación, tendo en conta que segundo os últimos datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE), este municipio conta con 3.670 veciños.

 

“As mentiras en política teñen as patas moi curtas, polo que o Sr. Argelio debería de pensar antes o que di, pois acada de quedar algo mal diante dos seus veciños. Entendemos que queira criticar á Xunta de Galicia, e non á Deputación, pois é o vicepresidente desta e todos sabemos que lle gusta moito sentarse no sillón, pero os datos son os que son e a realidade é a que é”. Por este motivo, recoméndanlle que “xa que demostra que non está moi centrado no día a día da Fonsagrada, reflexione antes de dicir algo polo menos dúas veces, xa que logo pode volverse na súa contra. E xa sabemos que as palabras as carga o demo”, indican.

 

Distribución do 4,2 millóns

Os preto de 4,2 millóns da consellería de Medio Rural distribúense do seguinte xeito:

 

  • Para explotacións gandeiras: 137.239 euros

  • Para infaraestruturas agrarias: 47.487 euros

  • Para a PAC: 2.923.972 euros

  • Para montes: 764.973 euros

  • Para incendios: 164.727 euros

  • Para axudas de transformación e comercialización de produtos agrarios: 135.285 euros

  • Para gandeiría: 24.093 euros

 

Para os populares estas cifran amosan que o presidente Feijóo está a cumprir o que dixo ao principio deste mandato, que ía ser a lexislatura do rural. E é que ademais do investimento que o Goberno galego realiza a través desta consellería, tamén contribúe a fixar poboación nas zonas do interior e máis dispersas con outras iniciativas que se están a impulsar dende outros departamentos, como son as Casas Niño e o plan transporte público aplicado a estas zonas que, pola súa situación xeográfica, contan dende sempre con menos recursos que a localidades máis céntricas ou próximas ás capitais de provincia.