Partido Popular de Lugo

O PP de A Fonsagrada urxe á Deputación a apertura “inmediata” do Residencial Rois

29, novembro, 2019. Os populares de A Fonsagrada urxen á Deputación a apertura “inmediata” do Residencial Rois. Será a través da moción que veñen de rexistrar e que será debatida no Pleno do vindeiro martes. O voceiro do Grupo Municipal, José Regueiro, considera “prioritario” que o organismo provincial poña en funcionamento esta infraestrutura, pois foi inaugurada en 2015 e, catro anos máis tarde, os veciños seguen sen poder facer uso dela e os traballadores seleccionados seguen sen poder comezar a traballar.

 

“Dende o Grupo Municipal do PP xa supoñíamos que se trataba dun acto electoralista, e o tempo vén a darnos a razón. Proba delo, é que pasaron catro anos daquel desembarco socialista e, a día de hoxe, nin un só fonsagradino puido facer entrar neste ansiado e demandado centro”, afirma.

 

Cronoloxía do proceso construtivo

Na exposición de motivos, os populares repasan “a dilatada” cronoloxía do proceso construtivo. A Deputación de Lugo e o Concello de A Fonsagrada inauguraran en marzo de 2015, é dicir, dous meses antes das eleccións municipais, o Residencial Rois. Foi nun acto convocado polo exalcalde Argelio Fernández e o expresidente Gómez Besteiro, e no que participaron numerosos veciños, que asistiron á confirmación por parte dos responsables destas administracións de que estas instalacións abrirían as súas portas en setembro dese mesmo ano.

 

Dende 2015, a Deputación xa tivo dous presidentes máis, e este Concello ten agora outro alcalde diferente, “pero nin uns nin os outros foron capaces de impulsar a súa apertura. Tal é así, que seguimos igual, coa residencia pechada”, explica o popular na moción.

 

Durante todo este tempo foron moitos os avatares administrativos que xurdiron en torno a este centro, pois este non é o único que estivo baixo polémica durante estes anos. Como tamén continuas foron as manifestacións e anuncios sobre a súa posta en funcionamento por parte dos diferentes gobernos da Deputación, nos que, por certo, tamén formou parte o exalcalde que a inaugurou.

 

Como exemplos, Regueiro cita os seguintes:

 

  • O 3 de setembro de 2018, o exalcalde di nos medios de comunicación que ten todo para abrir a residencia.

 

  • Este feito levou ao PP a preguntar no Pleno do 13 de novembro dese ano se o Concello tiña o PIA; o trámite necesario para a súa apertura.

 

  • O 22 de decembro de 2018, a Deputación anuncia a licitación da mesma.

 

  • O 13 de marzo de 2019 o organismo provincial adxudica o Residencial Rois a As Rodas Vivendas Comunitarias.

 

  • O 15 de marzo de 2019 a Deputación solicita o PIA á Xunta de Galicia.

 

E dende esta data, que pon de relevo que tanto a Deputación como o Concello iniciaron todo o proceso de construción sen dispoñer dos permisos esixidos, polo cal é evidente que a súa apertura era administrativamente imposible polo menos antes do 15 de marzo deste ano, o Partido Socialista, conclúe, “incumpriu sistematicamente a palabra dada aos veciños de A Fonsagrada”.

 

Con todo, dende o PP agardan que tanto os gobernos local e provincial “escoiten” a demanda deste Grupo, que resposta, apunta Regueiro, “ao sentir da veciñanza e a que se poña fin a catro anos de espera”.