O PP de A Fonsagrada lamenta que continúe a “falta de transparencia” co novo goberno local do PSOE

PP de Lugo | 2020-03-12

O Grupo Municipal Popular da Fonsagrada critican “a falta de transparencia” que se segue a dar na xestión por parte do goberno local do PSOE, “a pesar do cambio de caras con respecto ao mandato anterior que esixiu o BNG para darlles o seu apoio reclamando, precisamente, maior transparencia”. Os populares sinalan que “se está demostrando que continúa a mala xestión do goberno socialista na Fonsagrada”.

 

Así o consideran despois de que o alcalde socialista desestimara someter á votación do pleno as dúas mocións presentadas polos populares nas que propoñían “controlar o gasto do parque móbil municipal e realizar un estudo da rede viaria municipal co obxectivo de determinar as estradas que contan con maior necesidade de ser acondicionadas e, polo tanto, priorizar estas actuacións seguindo criterios obxectivos”.

 

Para o voceiro, José Luís Regueiro, “isto demostra que o alcalde non ten interese en que os veciños e veciñas coñezan en que se gastan os cartos que son de todos os fonsagradinos”, incide. O popular reivindica, ademais, “seguir criterios obxectivos en beneficio de todos os veciños e veciñas” e, neste caso, tamén” á hora de establecer as prioridades para o acondicionamento das vías municipais”, tal e como recollía a moción do Grupo Municipal do PP.

 

Precisamente, o popular sinala que “o noso labor é o de controlar e fiscalizar as accións do equipo de goberno” e, polo tanto, o que plantexamos é “coñecer cal é o gasto dos vehículos do parque municipal” de cara a acadar a máxima transparencia nas contas. Segundo Regueiro “este tipo de actuacións son as que definen unha adecuada xestión”.