O PP de Monforte denuncia que o Concello non solicitara o convenio de colaboración en materia de prevención e loita contra os incendios forestais

Ao non solicitar a adhesión voluntaria a este programa, o Goberno local renunciou ás axudas que concede a Xunta de Galicia para a contratación de brigadas e para o mantemento de vehículos motobomba

PP de Lugo | 2019-07-10

10, xullo, 2019. O Grupo Municipal do Partido Popular de Monforte denuncia que o Concello non solicitara este ano o convenio de colaboración coa administración autonómica en materia de prevención e loita contra os incendios forestais.

 

Todos os municipios que o solicitaron na provincia, 63 de 67, recibiron todo canto solicitaron da Xunta para completar os recursos que desprega o PLADIGA durante a temporada de alto risco de incendios, cando traballan na provincia para loitar e previr o lume arredor de 1.300 efectivos.

 

A voceira do PP, Katherine Varela, explica que se trata dunha decisión do rexedor “que non podemos comprender”, posto que Monforte é un dos municipios da provincia cunha zona rural máis ampla.

 

Ao non solicitar a adhesión voluntaria a este programa, o Goberno local renunciou ás axudas que concede a Xunta de Galicia para a contratación de brigadas e para o mantemento de vehículos motobomba. O alcalde renunciou a estas dúas liñas e tan só decidiu adherirse á que financia os traballos de rozas e limpezas forestais.

 

Desde o PP lamentan que a desidia do rexedor o levara a deixar pasar estas axudas. “Esperamos que non culpe á Xunta, como fai sempre, cando el é o único responsable de que Monforte non vaia contar con esta colaboración que se lle ofrece desde a Xunta a todos os concellos da provincia”.