Partido Popular de Lugo

O PP de O Páramo alerta de que “temos o goberno municipal máis caro da historia”

11, xullo, 2019. O Partido Popular de O Páramo, que lidera Verónica Arias, votou en contra do salarios “adxudicados e creados ad hoc” polo novo Executivo local no Pleno de Organización celebrado esta mesma semana. O motivo, explica a voceira popular, débese a que “temos o goberno municipal máis caro da historia”, ao supoñer un custe para as arcas do Concello de máis de 60.900 euros; “cartos, indica Arias, que pagamos todos os veciños relixiosamente cos nosos impostos”.

 

Deste xeito, os populares consideran que se trata dun importe “desorbitado”, pois, a parte do salario bruto, de case 46.000 euros hai que sumarlle a aportación que fai o Concello á Seguridade Social polas dúas dedicacións, a exclusiva do alcalde de 27.000 euros anuais e a parcial do primeiro tenente de alcalde de 18.900 euros, ascendendo deste xeito “case doce millóns das antigas pesetas”.

 

Para Arias, “con esta operación, demóstrase que a Agrupación de Electores Todo polo Páramo e o PSOE só lle preocupan os seus petos e repartirse o pastel, levándonos ao goberno máis custoso que tivo este concello”, de aí que os populares emitisen o seu rexeitamento na sesión plenaria. Tal é así que, en dita sesión, lamentan que o novos dirixentes “obviasen” o gasto que a entidade local ten que asumir por estas asignacións, “co único fin, engade Arias, de disimular este despilfarro”.

 

Neste senso, afirma que “estamos pagando a prezo de ouro o pacto que fixeron” e lamenta que, “en vez de centrarse en solucionar os problemas da xente e do municipio, lles importe máis este aumento desmesurado nas retribucións”.