O PP de Ribadeo destaca que a Xunta promove preto de 200 vivendas sociais no municipio

O voceiro do Grupo Municipal Popular, Daniel Vega, sinala “o compromiso da Xunta de Galicia con Ribadeo e cos veciños e veciñas que demandan vivenda de promoción pública”

d496788494dae44037aff179f144ea5a.jpeg

PP de Lugo | 2019-11-27

Ribadeo, 27 de novembro de 2019. O Grupo Municipal Popular de Ribadeo pon en valor que “a Xunta promove preto de 200 vivendas sociais no municipio”. Trátase dun total de 191 inmobles de promoción pública postos a disposición das persoas interesadas xa sexa na súa adxudicación en compravenda coma en réxime de alugueiro.

 

O voceiro local do PP, Daniel Vega, pon en valor o compromiso da Xunta de Galicia con Ribadeo e, concretamente, en materia de vivenda, cos veciños e veciñas que a demandan ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) a través da súa inscrición no Rexistro Único de Demandantes.

 

A totalidade das 191 vivendas de promoción pública do municipio de Ribadeo que xestiona a administración autonómica están ocupadas na actualidade. É o caso de 80 inmobles situados na avenida de América, 79 localizados na rúa Clemente Martínez Pasarón, 30 na rúa Transversal e 2 en Antonio Otero.

 

Recentemente, o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, facía entrega dunha vivenda de promoción pública na rúa Rafael Fernández Cardoso.

 

Colaboración institucional

Os populares aplaudiron a finais do mes pasado a decisión do goberno local de adherirse ao convenio entre Concello, Xunta e Ministerio de Fomento para destinar 40 vivendas a alugueiro tal e como propoñían dende o Grupo Municipal do PP ao considerar que “a colaboración institucional beneficia aos veciños e ás veciñas de Ribadeo”.

 

Nesa liña, os concelleiros populares defenden a necesidade de chegar a acordos coas distintas administracións e poñen en valor a utilidade do seu traballo de control e fiscalización que chega a “facer recapacitar ao goberno local do BNG en asuntos de interese para as familias ribadenses”.