Partido Popular de Lugo

O PP de Ribadeo foi o primeiro partido que “falou” do abastecemento de auga

07, outubro, 2019. O Grupo Municipal do Partido Popular insiste en que foi este Partido o primeiro que “falou” do abastecemento de auga a Ribadeo. Tal é así que, o voceiro Daniel Vega, pon en valor a importancia de que “por fin algúns se dean conta da importancia deste asunto que foi liderado polo PP dende o minuto un”. “E fixémolo, indica, logo de escoitar aos veciños”.

 

A este respecto, dende este Grupo remarcan que é necesaria unha colaboración institucional para a dotación deste servizo; colaboración que, salienta Vega, “sempre defendemos, pois os beneficiarios deste servizo non somos os partidos, son os veciños de Ribadeo”.

 

O acordo da consellería de Infraestruturas e Mobilidade, Concello e co cofinanciamento da Deputación e da Confederación Hidrográfica do Cantábrico, supón, segundo apunta Vega, que “por fin rematen doce anos de parálise na que estaba sumida o noso concello. Parece que Fernando Suárez empeza a acertar cando escoita ao PP", sentencia.

 

Na xuntanza na que se anunciou dito acordó, a conselleira trasladou a súa vontade de cooperar cos municipios para que poidan garantir o abastecemento de auga á poboación, de acordo coas súas competencias. Con ese fin, Augas de Galicia procederá de forma inmediata a tramitar a revisión e proxecto de renovación integral das tubaxes da rede de abastecemento de Ribadeo. Ese documento técnico, redactado no ano 2011, debe de ser revisado e supervisado antes da súa aprobación.