O PP de Viveiro pide que o Concello acondicione e manteña en bo estado o parque infantil de Atalaya en Celeiro

O Grupo Municipal do PP dirixe un rogo á alcaldesa dado que o recinto do parque carece da iluminación axeita e acumula sucidade mentres que os elementos de xogo están deteriorados

f6c7019df14741e89f20f6ad8e36caa2.jpg

PP de Lugo | 2019-07-10

10, xullo, 2019. O Grupo Municipal do Partido Popular de Viveiro pídelle ao Concello que acondicione e manteña en bo estado o parque infantil de Atalaya en Celeiro, tal e como o solicitan a propia veciñanza e pais e nais dos nenos e nenas que poden facer uso deste recinto de xogo.

 

Membros do Grupo Municipal do PP de Viveiro acercáronse ata as instalacións do parque infantil e comprobaron que o estado do mesmo “non é o adecuado para que os nenos e nenas poidan desfrutar deste espazo público”, denuncian.

 

Entre outras deficiencias, os populares citan que o recinto carece da iluminación axeitada, ademais de que a zona verde acumula sucidade e falta de coidado. En canto ao mobiliario e aos elementos de xogo, dende o PP critican que estes presenten un “estado deteriorado con moito corrosión e sociedade, que pode chegar a considerarse inseguros para os nenos e nenas”.

 

Ante esta situación, os populares dirixiron un rogo á rexedora socialista de Viveiro para que limpe e dote de iluminación adecuada o recinto do parque infantil da Atalaya de Celeiro. A maiores, dende o Grupo Municipal Popular piden que dende a administración local se acometa, a través de técnicos cualificados, unha inspección inmediata de todos os elementos de xogo deste recinto e se proceda en consecuencia coa “importante finalidade de manter en bo estado de conservación o parque infantil e de garantir a seguridade dos seus usuarios”.

 

Por último, os populares fan extensible esta petición a todos os parques infantís e rogan que o Concello de Viveiro poña en marcha as medidas necesarias, a proposta dos técnicos cualificados de inspeccións periódicas dos parques infantís, para poder garantir o correcto mantemento dos recintos de xogo e a seguridade de todos os nenos e nenas que os utilicen e “deste xeito evitar que teñamos que lamentar posibles danos nos usuarios”, precisan.