Partido Popular de Lugo

O PP de Xermade denuncia a “falta de seguridade” da estrada provincial entre Miraz e Porto Souto pola “acumulación de xeo”

8 de xaneiro, 2019. O voceiro do Grupo Municipal Popular de Xermade, Antonio Riveira, denuncia a “falta de seguridade” na estrada provincial LU-P-2205 entre Miraz e Porto Souto onde “se acumula o xeo debido ás baixas temperaturas destes días”. Polo tanto, esíxelle ao Concello, a través dun rogo, que lle requira á Deputación Provincial –como titular da vía- a aplicación de salmoira nesta e noutras estradas do municipio para “evitar as placas de xeo e favorecer aos usuarios poder utilizalas cun mínimo de seguridade”.

 

O voceiro e candidato do PP á alcaldía de Xermade explica que “nace a auga no alto do Xaravigo onde comeza a baixada cara a Miraz, no lugar coñecido coma Fonte Furanenas. Dende alí discorre pola estrada e, nesta época do ano, debido ás baixas temperaturas conxélase formando unha placa de xeo que supón un importante perigo para a circulación, especialmente a partir do quilómetro 2”. Pero esta situación agrávase aínda máis nesta estrada porque “esa zona está orientada ao norte e, polo tanto, en zonas de sombra as xeadas acumúlanse durante días”.

 

Riveira sinala que se trata dunha estrada moi transitada; xa que “comunica Xermade, desde o polígono industrial, coas Pontes polo Candedo ata o polígono industrial dos Airíos”.

 

Así pois, o popular entende que “debe realizarse un mantemento e control da estrada aportándolle salmoira ou algún outro aditivo co obxectivo de evitar que esas capas de xeo se conserven ao longo do tempo”. E incide en que “ese control debe ir máis aló de poñer un sinal indicador de perigo porque isto non garante unha circulación en condicións de seguridade”.