Partido Popular de Lugo

O PP denuncia o estado de total deterioro do vial que enlaza San Andrés de Boimente coa estrada de A Mareleixa

Viveiro, 28 de novembro de 2019. Hai algunhas zonas da provincia nas que non é doado vivir a causa do mal estado en que algúns concellos teñen as pistas que son da súa titularidade. En Viveiro, os veciños que se ven obrigados a transitar pola estrada municipal que enlaza San Andrés de Boimente coa estrada de A Mareleixa, cerca da igrexa de Chavín, pouco teñen que agradecer ao goberno municipal que preside María Loureiro. O grupo municipal do PP, liderado por Óscar Rodríguez, presentará en breve unha iniciativa no Concello para tratar de que o equipo que preside Loureiro saia da súa zona de confort e tome as medidas necesarias para reparar este intransitable vial.

 

Circular por esta estrada municipal entra dentro do terreo da tortura, porque o pavimento está totalmente esnaquizado, de tal xeito que a circulación de turismos é moi difícil e perigosa. Segundo expoñen os veciños, o pavimento desta pista non foi reparado na última década. Xa se comprende que, despois de dez anos de abandono, no país da choiva e co tipo de firme que ten a vía, o seu estado non pode ser outro que o que é: intransitable.

 

Os concelleiros populares reclaman do goberno municipal que á maior brevidade posible poña en marcha os recursos necesarios para solucionar o problema. Noutro caso haberá que recuperar a vella canción aínda que en vez de ministro haxa que poñer alcaldesa, pero o conto será o mesmo. Se Jei Noguerol cantaba Señor ministro, por favor amáñeme a carretera, os veciños afectados e os concelleiros do PP din: «Señora alcaldesa, amáñeme a estrada», porque, volvendo á letra da canción, «máis parece un camiño, que non se pode andar sequera». E xa postos, é necesario sinalizar esta vía. Así o solicitarán os concelleiros populares na iniciativa que presentarán nos próximos días no concello.