Partido Popular de Lugo

O PP pon en valor o traballo de empresas como Coren para crear emprego no rural e dar unha proxección internacional ao sector agroalimentario da provincia

14, maio, 2019. O Partido Popular pon en valor o traballo de empresas como Coren para dar unha proxección internacional ao sector agroalimentario e ao desenvolvemento do rural, dende o punto de vista da xeración de emprego e asentar poboación no rural. Así o destacaron o conselleiro de Medio Rural, José González, o candidato á alcaldía de Portomarín, Juan Serrano, o delegado da Xunta, José Manuel Balseiro, e o eurodeputado, Francisco José Millán Mon, durante a visita realizada á nave que esta empresa ten no polígono industrial da localidade, e onde prevé a construción dunha incubadora de polos e, con elo, a creación de medio cento de empregos directos na primeira fase. O alcaldable pon en valor o investimento de 18 millóns de euros nas dúas fases deste proxecto que “é unha oportunidade laboral para Portomarín e a comarca”.

 

Juan Serrano, que exerceu de anfitrión, explicou á comitiva que, “á falta duns pequenos trámites que estamos a piques de resolver dende o Concello, a intención é que estas instalacións poidan estar funcionando proximamente, pois o único que falta para pechar do proxecto é que se poida aumentar a potencia enerxética da liña de media tensión para cubrir a elevada demanda de electricidade que esixe unha infraestrutura destas características”, explicou.

 

A incubadora producirá entre 4 e 7 millóns de polos, e será un dos centros máis modernos a nivel mundial no que a investigación enerxética se refire. Tamén estará dedicado a estudar o desenvolvemento de razas autóctonas.

 

Reunión con gandeiros

Logo da visita a Coren, os populares mantiveron unha xuntanza con gandeiros da zona, onde trasladaron a importancia de apoiar ao Partido Popular por ser esta a única formación que aposta por este sector nas administracións e en Europa. É o caso da Política Agraria Común; política que supón “unha inxección económica moi importante para os gandeiros e que a que hoxe ministra de Economía, Nadia Calviño, cando tiña responsabilidades en Bruxelas pretendía reducila un 30%”, remarcaron.

 

Os populares criticaron así “o desinterese dos socialistas”, sobre todo, indicaron, “cando as cifras falan por si soas”. A consellería do Medio Rural destinou o pasado ano 103 millóns de euros ás axudas para explotacións agrarias suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control no marco da Política Agraria Común (PAC), que beneficiaron a máis de 11.000 gandeiros da provincia de Lugo. Esta cifra supón un incremento do 12% con respecto aos pagos cuantificados no 2017.

 

En canto á distribución por comarcas, a Terra Chá e Meira asumen 28,5 millóns de euros, o 27% do total; a suma das áreas de Lugo, A Ulloa e a Montaña alcanza os 33 millóns de euros, o 32% do total; a comarca de Sarria recibe 18 millóns de euros, o 17% do total; a zona sur da provincia -Lemos, Chantada e Quiroga- suma 14,6 millóns de euros, o 14% do total; e finalmente a comarca da Mariña lucense rexistra 8 millóns de euros en axudas da PAC, o 7,8% do total. Os cinco concellos da provincia que maior contía da PAC reciben son os de Sarria (5,3 millóns de euros), A Pastoriza (4,6 millóns), Paradela (4 millóns), Friol (3,8 millóns), e Guitiriz (3,7 millóns).

 

Camiño de Santiago

Por último, os populares fixeron un treito do Camiño de Santiago, “como símbolo tamén da Unión Europea”. Declarado Primeiro Itinerario Cultural Europeo polo Consello de Europa en 19876 e Patrimonio da Humanidade pola UNESCO no ano 1993, neste municipio é, xunto ao sector gandeiro, a principal fonte de emprego e de negocio.

 

“Ter a Vilar Mon connosco é unha oportunidade para que constate este recurso económico que temos e que se incrementará co vindeiro Xacobeo 2021. Por iso, debe ser es estar presente na construción política da UE”, concluíu o alcaldable.